ConArtritis-Santiago mellora o benestar físico e emocional das persoas con artrite a través de programas de rehabilitación e autonomía persoal

ConArtritis-Santiago mellora o benestar físico e emocional das persoas con artrite a través de programas de rehabilitación e autonomía persoal

Durante o ano 2024, asociación ConArtritis-Santiago desenvolveu unha ampla oferta de programas destinados a mellorar a calidade de vida das persoas con artrite e espondiloartrite. Un total de 104 persoas resultaron beneficiarias destas iniciativas que combinan terapias físicas e emocionais cun enfoque integral.

Entre os programas desenvolvidos destaca o Programa de Terapias de Rehabilitación, financiado pola Deputación de A Coruña, e que combina apoio físico e emocional. Este programa inclúe sesións de fisioterapia adaptada, psicoloxía e grupos de xestión da dor. Estes servizos, que atenderon a 40 persoas, foron fundamentais para promover o benestar físico e emocional, creando á vez un espazo de unión onde os participantes compartiron experiencias e estratexias para afrontar a dor crónica. O programa contribúe, ademais, a visibilizar e normalizar a convivencia con este tipo de enfermidades.

Outro programa que continuou durante 2024 foi o de Autonomía Persoal que leva a cabo co apoio da Xunta de Galicia, a través dos fondos do 0,7% do IRPF da declaración da renda procedente das persoas contribuíntes que marcaron o recadro de “Actividades de interese xeral, consideradas de interese social”. Deseñado para promover o benestar integral e a independencia das persoas afectadas por artrite, a través deste programa atendéronse preto de 130 consultas, facendo fincapé na importancia dun enfoque integral para o tratamento da artrite.

A través dunha perspectiva global, realízanse actividades como talleres de mindfulness e nutrición, charlas informativas sobre a enfermidade, así como sesións de psicoloxía, fisioterapia e sesións de Marcha Nórdica que se inclúen tamén para fomentar a actividade física de maneira adaptada ás capacidades das persoas participantes.

Outro programa levado a cabo durante 2024 por ConArtritis-Santiago contou co apoio da Fundación ONCE a través do Plan de Prioridades. Tamén dirixido á promoción da Autonomía Persoal, prestou un servizo esencial ás persoas afectadas por artrite e as súas familias, consolidándose como un recurso fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas beneficiarias.

A través deste programa, atendéronse consultas, proporcionouse acompañamento e escoita activa, resolvéronse dúbidas e ofreceuse apoio na xestión de certificados de discapacidade e incapacidade laboral para profesión habitual. Este programa ademais de atender de xeito individual tamén organiza talleres grupais, charlas e actividades complementarias que fomentan a divulgación e a xestión da enfermidade na vida cotiá.

O programa tamén conta con sesións de psicoloxía e fisioterapia individual. Unhas actividades deseñadas para apoiar ás persoas afectadas pola enfermidade e a dor crónica, así como aos seus familiares, proporcionando un espazo para a aprendizaxe e a práctica de técnicas que faciliten a xestión da dor e o estrés.

Galería de imaxes