Degustación en Outes: a asociación ADISBISMUR organiza a IV Gala Benéfica dos Callos

A xornada, que terá lugar na Horta do Muíño, combinará gastronomía, música e actividades de lecer co obxectivo de recadar fondos para a entidade.

A Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) celebrará o vindeiro sábado 1 de agosto a IV Festa Benéfica dos Callos, unha cita solidaria que terá lugar na Horta do Muíño, en Outes, e que busca reunir á veciñanza arredor dunha xornada de convivencia para apoiar o labor que desenvolve a entidade.

A programación contará cun amplo apartado musical, encabezado polas actuacións de Chiña e Pablo Balseiro, ás que se sumarán Os Jaitas Blue, Pandereteir@s do Tremuzo, Aires de Broña, Abelleira e Punto, ademais de charanga e DJ, que animarán a festa ao longo do día.

A degustación, que contará con 1.500 racións preparadas, iniciará ás 12:30 horas cun menú que terá un prezo de 12 euros e incluirá callos, pan, bebida, sobremesa e café. A organización lembra tamén que non se permitirá a entrada con comida nin bebida do exterior.

A xornada completarase con diferentes actividades para todas as idades, entre elas unha andaina que iniciará ás 10 horas, pachangas de fútbol, pintacaras e inchables, co propósito de ofrecer un espazo de encontro para familias e persoas participantes.

As entradas poden adquirirse de maneira anticipada a través de ADISBISMUR. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa entidade no teléfono 881 083 860 ou a través das súas redes sociais. Tamén se poderán adquirir os tickets do menú o mesmo día á entrada do recinto.

A celebración desta cuarta edición da Festa Benéfica dos Callos conta coa colaboración e implicación dos concellos de Outes, Muros, Carnota e Mazaricos, ademais dun amplo número de empresas e establecementos da comarca, cuxo apoio fai posible a organización desta iniciativa solidaria.

Todos os fondos recadados nesta festa gastronómica serán destinados tanto para a nova residencia que prevén abrir para o ano que vén como tamén para actividades e renovación de material do centro de atención diúrna que a entidade ten en Valadares (Outes), ao que acoden de luns a venres 52 persoas con discapacidade e 22 profesionais.

Este é o cartel da festa

Galería de imaxes

Todas