ELECCIÓNS GALEGAS: Entidades do Teceiro Sector presentamos demandas para avanzar contra a pobreza, a exclusión social e a desigualdade

ELECCIÓNS GALEGAS: Entidades do Teceiro Sector presentamos demandas para avanzar contra a pobreza, a exclusión social e a desigualdade

Presentado en Santiago o documento “Demandas prioritarias para avanzar contra a Pobreza, a Exclusión Social e a Desigualdade”, un texto acordado polas 33 organizacións do Terceiro Sector Social galego que forman EAPN Galicia, entre as que se atopa COGAMI, e que recolle 4 principios, 10 demandas prioritarias, 80 propostas de medidas e 15 metas que as entidades consideran imprescindibles para o goberno que emane das eleccións do 18 de febreiro.

Actualmente, en Galicia existen aproximadamente 630.000 persoas en situación de exclusión social, o que se traduce en 1 de cada 4. Ademais, un 6,8% destes galegos e galegas atópanse nunha situación de pobreza extrema (182.000 persoas).

Malia que a porcentaxe de persoas en situación de vulnerabilidade reduciuse progresivamente nos últimos 5 anos, as entidades do Terceiro Sector que tecen rede en EAPN Galicia constatan día a día o empeoramento das condicións de vida de moitas galegas e galegos no último ano.

Para a vindeira lexislatura é factible continuar a diminuír a taxa de persoas que se atopan en risco de pobreza e exclusión social en Galicia, contribuíndo a que no ano 2030 se vexa reducida ata o 14%, tal e como recolle a Meta 11 do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030.

Para acadar estes obxectivos, as entidades pertencentes a EAPN Galicia presentan 10 demandas e de obrigado cumprimento nas que destacan especialmente as axudas para unha vivenda accesible coa creación dunha Consellería de Vivenda e a recuperación da Tarxeta Básica.

1. Vivenda digna e accesible. Aplicando medidas como triplicar o parque público de vivenda ata chegar ás 11.400 vivendas no 2028 e asegurar que se multiplica por 6, ata as 22.800 no 2030. A erradicación do chabolismo e a infravivenda en Galicia no 2030 ou a creación dun parque básico de emerxencia con dúas vivendas de transición por cada 10.000 habitantes son outras das suxestións dentro desta demanda.

2. Asegurar o dereito á garantía de ingresos. Recuperando a Tarxeta Básica e promulgando unha Lei de Garantía de Ingresos de Galicia que actualice e reforce a Lei de Inclusión Social e asegure un sistema áxil, accesible e axeitado.

3. Loita efectiva contra a pobreza e a exclusión en familias con nenos, nenas e adolescentes. Apoiando especialmente ás familias monoparentais, con medidas como á elaboración do Lei Galega da Infancia ou un plan urxente de atención especializada.

4. Establecer medidas específicas de loita contra a pobreza e pola inclusión, como mínimo das recollidas no Artigo 3 da Lei 10/2013 de inclusión social de Galicia, como medidas contra a soidade non desexada ou programas de promoción da saúde que garantan o acceso total e cobertura sanitaria universal.

5. Priorizar nos orzamentos de obra pública o investimento en accesibilidade universal en infraestruturas e edificios públicos ou privados de acordo co establecido na Lei 10/2014 de accesibilidade de Galicia.

6. A mellor política social non é o emprego. Fomento do emprego digno e inclusivo para as persoas que poden traballar, asegurando o acompañamento integral, dende as organizacións do Terceiro Sector Social.

7. Manter servizos básicos contra o despoboamento, a exclusión territorial e a pobreza no rural: sanitarios, sociais, educativos, transporte ou vivenda, erradicación da fenda dixital e acceso ás novas tecnoloxías, con medidas como para garantir 30 minutos máximo de desprazamento a calquera servizo básico.

8. Reforzar medidas de atención e protección das mulleres vítimas de violencia machista. Implicando a toda a cidadanía na defensa da igualdade de xénero, con medidas como a apertura de centros de crise atención integral 24 horas contra a violencia sexual nas sete cidades galegas.

9. Redución drástica da burocratización extrema para facilitar o acceso da cidadanía aos servizos e recursos, e asegurar a coordinación política e técnica entre Xunta de Galicia, Deputacións, Concellos e ONG implicadas.

10. Recoñecemento das organizacións do Terceiro Sector de Acción Social como imprescindibles e garantes do sistema de servizos sociais e de acceso ao emprego e a vivenda, conducir o Lei do Terceiro Sector Social de Galicia e diálogo civil ou promover ferramentas de financiamento.

As demandas e medidas presentadas están concretadas en 15 metas que supoñen un compromiso básico que, entendemos, debe asumir o novo goberno, garantindo o seu cumprimento na próxima lexislatura para avanzar contra a pobreza, a exclusión social e a desigualdade.