Entidades da Comisión Sociosaitaria de COGAMI presentes na Feira da Saúde e Benestar de Ames

A Praza da Maía de Bertamiráns acolleu a quinta edición da Feira da Saúde e Benestar, organizada pola Concellería de Promoción da Saúde do Concello de Ames, converténdose nun espazo de encontro para o tecido asociativo e a cidadanía.

Nesta edición participaron 13 entidades, entre as que destacaron as integradas na Comisión Sociosanitaria de COGAMI: Alcer Coruña, ConArtrite e ASOTRAME, que tiveron unha presenza activa achegando información, orientación e sensibilización sobre as súas áreas de actuación.

Durante a xornada, celebrada o sábado 25 de abril en horario de mañá e tarde, desenvolvéronse presentacións das entidades participantes, así como charlas, obradoiros e coloquios centrados no coidado da pel e na saúde en xeral. Baixo unha carpa común, as asociacións contaron con stands informativos que permitiron un contacto directo coa cidadanía.

A feira deu comezo ás 11:00 horas cun acto inaugural no que participaron o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, xunto con representantes da corporación municipal e dos grupos políticos municipais do Partido Popular e BNG.

Ademais das entidades vinculadas a COGAMI, tamén estiveron presentes outras organizacións do ámbito sociosanitario como ANEDIA, AECC, Alcohólicos Anónimos, ASANOG, Fonte da Virxe, querENDO, Obra Social Pediatría, AGAL Lupus Compostela, AGADEA e Dano Cerebral Santiago de Compostela, contribuíndo a unha xornada diversa e participativa centrada na promoción da saúde e o benestar.

Galería de imaxes

Todas