Un ano máis, e xa van 11 anos, COGAMI desenvolveu EnRedArte, un programa cultural que permite a participación social das persoas con discapacidade a través da organización de diferentes actividades culturais, de lecer ou diversión.
Nesta edición, participaron persoas usuarias das entidades ACEM Coruña (11 persoas) e ACEM Compostela (20 persoas), AODEMPER (8 persoas), A Xanela (8 persoas), Íntegro, Misela (14 persoas), Aixiña (12 persoas), A Mariña COGAMI (9 persoas), Adapta (12 persoas), Disvalia (10 persoas) e os centros de atención diúrna de COGAMI en Mos (40 persoas) e Monteporreiro (11 persoas). En total participaron 155 persoas nos talleres de teatro creativo, estampaxe, cerámica, teatro radiofónico, expresión corporal, taller floral, escritura creativa e talla de cristal.
Financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, COGAMI iniciou EnRedArte durante o ano 2015 para fomentar a participación e as relacións sociais das persoas con discapacidade, ademais de incrementar a oferta de actividades de lecer na contorna. A boa acollida que ten por parte das entidades membro propiciou o seu reiterado desenvolvemento ata a actualidade.
Ademais de fomentar as relacións sociais, estes obradoiros potencian a curiosidade, a formación do gusto, o seu sentido estético e crítico. Contribúen tamén ao desenvolvemento do hábito de frecuentar de actividades e eventos culturais, derriban barreiras mentais e rompen conceptos auto-limitantes na actividade cultural e favorecen a incorporación da dimensión artística e cultural na vida das asociacións e dos centros de atención diúrna de persoas con discapacidade.