O programa Ponte en forma que iniciou no mes de novembro a Federación COGAMI Pontevedra tivo unha satisfactoria acollida entre as persoas usuarias do centro de atención diúrna que COGAMI ten en Monteporreiro, Pontevedra, e tamén por persoas usuarias da entidade Amizade.
Esta iniciativa de deporte inclusivo na que xa participaron 65 persoas nas actividades adaptadas de pádel, durante dous días á semana, e natación, unha xornada á semana na piscina de Campolongo, conta coa colaboración de #enceplansocialpontevedra de Ence a través do Plan Social Pontevedra cunha axuda económica de 12.000 euros.
Este programa naceu coa finalidade de poder mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade a través do deporte como beneficio físico e mental. Ponte en forma pretende achegar o deporte a todas as persoas, facendo que a súa práctica sexa adaptada e inclusiva ao favorecer a oportunidade de poder ser practicados por quen queira.