Expertos en linfedema e lipedema daranse cita no Hospital Álvaro Cunqueiro no  I Congreso Estatal organizado por AGL

Expertos en linfedema e lipedema daranse cita no Hospital Álvaro Cunqueiro no  I Congreso Estatal organizado por AGL

 Nota en word

A Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL) organiza o I Congreso Estatal de Linfedema, Lipedema e Insuficiencia Venosa Crónica, que se celebrará os días 4 e 5 de abril no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O evento contará coa participación de destacadas e destacados expertos e relatores de distintos ámbitos da saúde para ofrecer un enfoque integral sobre o tratamento e xestión destas patoloxías, cada vez máis prevalentes na sociedade.

O Congreso está dirixido a pacientes, estudantes, profesionais e a todas as persoas interesadas en participar. As inscricións poden realizarse na páxina web da entidade (https://www.linfedemagalicia.com/congreso/), tanto para a modalidade presencial como en liña, ata cubrir o aforo (170 persoas), sendo o xoves 3 de abril a data límite de inscrición.

Programa e participantes

Profesionais da medicina, de nutrición, saúde mental, cirurxía, fisioterapia e do ámbito da discapacidade falarán sobre aspectos como:

A importancia da nutrición: Sabina Soneira, licenciada en Nutrición Clínica, Endocrinoloxía e Nutrición Hospitalaria; Lorena Maestre, dietista especializada en saúde hormonal feminina; e a Dra. Diana López, especializada en Obstetricia e Xinecoloxía, afondarán na relevancia dunha boa alimentación no tratamento destas patoloxías.

Saúde mental e a realidade da discapacidade: Estefanía del Barrio, psicóloga xeral sanitaria e doutorada en Psicoloxía Clínica; Ramón García Guinarte, especialista en Programación Neurolingüística e Hipnose; e Juana Mª Tubío, licenciada en Traballo Social e Pedagoxía Terapéutica, abordarán as implicacións psicolóxicas e sociais destas enfermidades.

A alternativa da cirurxía: O Dr. Jaume Masià, xefe do Servizo de Cirurxía Plástica no Hospital Universitario de Sant Pau (Barcelona), e outros especialistas como o Dr. Alexo Carballeira e a Dra. Rosario Pinal, falarán sobre as alternativas cirúrxicas para o tratamento do linfedema e outras patoloxías vasculares.

Os beneficios do exercicio: Nacho García (experto en Marcha Nórdica), Isabel Lema (experta en Dragon Boat) e María Grobas (fisioterapeuta licenciada en Ciencias da Actividade Física) falarán sobre como a actividade física pode mellorar a calidade de vida das e dos pacientes.

Prendas de compresión, coidado da pel e tratamento farmacolóxico: A Dra. Eva Pérez, especialista en anxioloxía e cirurxía vascular; Carmen Alba, enfermeira e directora de cursos de formación, e outros profesionais afondarán nas técnicas e tratamentos complementarios para estas enfermidades.

A fisioterapia: Profesionais como Román Rodríguez, Curro Millán e Carlos Manero compartiran as súas experiencias e coñecementos sobre fisioterapia e os últimos avances na valoración e tratamento destas patoloxías.

Este congreso permitirá afondar nas últimas novidades do tratamento do linfedema, lipedema e insuficiencia venosa crónica, ao tempo que fomenta a difusión de coñecementos e a creación de redes entre profesionais do sector.

Para máis información e inscricións, poden consultarse os detalles na páxina web oficial do evento https://www.linfedemagalicia.com/congreso/, no teléfono 986 505 443 / 630 024 428 ou no correo info@linfedemagalicia.com

Galería de imaxes