Foron 39 consultas as xestionadas pola Comisión Sociosanitaria de COGAMI durante 2023

Foron 39 consultas as xestionadas pola Comisión Sociosanitaria de COGAMI durante 2023

O movemento asociativo COGAMI foi incrementando coa incorporación de entidades de carácter sociosanitario nos últimos anos, asociacións de persoas con enfermidade crónica que precisan tanto atención sanitaria como tamén social, necesidades que derivan na creación dunha Comisión Sociosanitaria en 2011.

Esta comisión representa a 23 entidades sociosanitarias que atenden máis de 4.000 persoas con patoloxías como: lupus, esclerose, fibromialxia e fatiga crónica, hemofilia e outras coagulopatías, enfermidades do ril, crohn e colite ulcerosa, enfermidades reumatolóxicas, persoas con amputacións, persoas con lesión medular, linfedema, párkinson e espondilite, ademais doutras entidades orientadas a atención temperá e infantil. De todas estas patoloxías, o 17,61% están recoñecidas como enfermidades raras ou pouco frecuentes.

Ata esta Comisión remítense cada ano consultas, tanto vía presencial como telefónica ou a través do correo electrónico, relacionadas coas temáticas de cada unha das entidades incluídas na comisión e tamén sobre lexislación vixente en materia sociosanitaria, sobre incidencias nas entidades orgánicas e sobre programas de carácter sociosanitario. Durante o ano 2023 foron xestionadas e contestadas un total de 39 consultas.

Outras das xestións levadas a cabo a través desta Comisión Sociosanitaria de COGAMI foron xuntanzas mantidas coa Consellería de Sanidade para solucionar as dificultades na financiación de proxectos que desenvolven as entidades orgánicas a favor das súas persoas asociadas.

Esta comisión, ademais, encárgase de servir de interlocutora coa administración pública sanitaria, colaborando no catálogo ortoprotésico, nos decretos de sanidade, nos plans de actuación do SERGAS, así como apoiar a colectivos específicos nas súas reivindicacións, potenciar as necesidades de accesibilidades no ámbito hospitalario: análise de carencias actuais e asesorar en procedementos de reclamacións individuais ou colectivas. Durante este ano 2023, participou nas reunións do Consello Asesor de Pacientes das diferentes xefaturas territoriais do SERGAS.

A nivel lexislativo, a Comisión revisou anteproxectos de lei como a orde para a compensación dos gastos de desprazamento, hospedaxe e manutención no ámbito do Sistema Público de Saúde de Galicia e o anteproxecto polo que se regula a prestación ortoprotésica en Galicia.