Juan Carlos, usuario de COGAMI, emprende aos 61 anos un negocio para axudar coa tecnoloxía no rural ourensán

A historia de hoxe é exemplo de que a idade non elimina as ilusións. Juan Carlos Martínez, usuario do servizo de Emprego de COGAMI en Ourense, emprende un negocio aos 61 anos e dende o rural. Como el mesmo di: “Volvín de Madrid a Terzas, no concello ourensán de Cartelle, unha aldea con 8 persoas, das que 3 somos eu e os meus pais.”

A súa profesión era a de informático, pero un problema na vista obrigouno a buscar outras alternativas laborais. Traballou como fontaneiro, calefactor, albanel, carpinteiro, electricista, pintor… o que se coñece como un verdadeiro manitas. Grazas a esta variedade de coñecementos, Juan Carlos é moi demandado pola veciñanza, que lle pide arranxos sinxelos nas casas: cambiar unha luminaria, arranxar o motor do pozo, ou mesmo buscar un teléfono por Internet, xa que agora non hai guías telefónicas como antes.

Consciente da fenda dixital que afecta a moitas persoas, ocorréuselle facerse autónomo e emprender o seu propio negocio: Informático de cabeceira. Trátase dun servizo dirixido a quen ten dificultades para adaptarse á dixitalización actual. El encárgase de facer o que a persoa precisa no seu nome, de acompañala para que o faga ou de ensinarlle os pasos necesarios para que poida facelo por si mesma.

Entre os servizos que ofrece están: ademaiss de formacións básicas no manexo de aplicativos móbiles, programar a calefacción, ordenar os canais da televisión intelixente, acompañar en xestións bancarias, comprar por Internet e saber como devolver un paquete, solicitar citas médicas, contratar servizos de telefonía, televisión ou plataformas de cine e fútbol, ou programar electrodomésticos como forno, lavadora, aspiradora ou microondas... Tamén pode axudar co rego automático do xardín ou coa configuración doutros sistemas domésticos.

O seu ámbito de actuación abrangue os concellos de Cartelle, Castrelo de Miño, Celanova e Ourense. Para dar a coñecer o servizo, iniciou unha campaña de difusión deixando dípticos informativos en lugares concorridos como igrexas, bares, centros de saúde, concellos e tamén nas instalacións de COGAMI en Ourense. Así nace un negocio cun claro obxectivo social: axudar a quen quedou fóra da era dixital.

Contacto: 

644 66 17 53

Terzas6@gmail.com

https://pcdhd.com

Galería de imaxes

Todas
|
Auetoemprego
|
COGAMI
|
Empleo
|
Emprego
|
Emprendemento
|
Emprendimiento
|
SIL Ourense