Ao longo de todo o mes de setembro, persoas usuarias de centros e entidades membro de COGAMI están a participar nunha nova edición do programa de Lecer Náutico en Sanxenxo. Esta iniciativa, que combina actividades de respiro e aprendizaxe, ofrece a oportunidade de pasar unha semana na costa, con mañás dedicadas á vela e tardes cheas de actividades de lecer pola contorna.
O programa, organizado en colaboración co Real Club Náutico de Sanxenxo, vai camiño de converterse nunha tradición, xa que se vén celebrando dende hai anos con grande éxito. Entre as entidades participantes destacan Acem Santiago, Íntegro, Misela, Amarai, Aixiña, Adisbismur e Agadhemo, ademais dos centros de Monteporreiro, Fingoi, Mos e Medelo, e persoas usuarias de COGAMI en Ourense. Este ano son 110 as persoas que gozan desta experiencia única.
Durante a estadía, o grupo alóxase na residencia da asociación Aixiña en Sanxenxo, un espazo totalmente adaptado ás necesidades das persoas. O programa culminará o 29 de setembro, coa participación na Regata Rey Juan Carlos – El Corte Inglés Máster, poñendo o broche de ouro a unha experiencia inesquecible.