Máis de cincuenta persoas formadas a través do programa de Voluntariado de COGAMI

Máis de cincuenta persoas formadas a través do programa de Voluntariado de COGAMI

O programa de Voluntariado que desenvolve COGAMI, enmarcado nas actuacións de formación das persoas voluntarias establecidas na Lei de Acción Voluntariado, desenvolveuse durante este ano cunha participación de 54 persoas voluntarias e xestoras de accións de voluntariado.

Formacións como estas pretenden mellorar as competencias das persoas que xestionan o voluntariado nas súas organizacións, co fin de mellorar o servizo dirixido ás persoas con discapacidade. Son accións que fortalecen o movemento asociativo de COGAMI e as súas entidades, ademais de promover a igualdade de oportunidades na participación social das persoas con discapacidade. 

Dirixido a mellorar a xestión de voluntariado necesario para as diferentes actividades que desenvolven as entidades, o programa conta co financiamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF daquelas persoas contribuíntes que marcaron o recadro de Actividades de Interese Social, coñecida como a X Solidaria.

A rede de voluntariado de COGAMI desenvólvese nas catro provincias galegas e, ademais de formar a persoas xestoras, tamén forma e acompaña individualmente a aquelas persoas que precisan apoios específicos para o desenvolvemento de accións de voluntariado ata que poidan desenvolver a actividade de xeito autónomo.