A asociación Amizade levou a cabo durante o ano 2024 o seu programa de atención integral, deseñado para mellorar a calidade de vida e fomentar a autonomía persoal das persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra. Máis de oitenta persoas beneficiáronse deste programa, que combinou servizos específicos e actividades orientadas ao benestar e á inclusión social.
Coordinado por unha educadora social, o programa destacou polas actividades de lecer, o servizo de información e asesoramento, así como as reunións de empoderamento para mulleres con discapacidade, que foron algunhas das iniciativas máis solicitadas.
Ademais, Amizade levou a cabo accións de sensibilización social e concienciación, como charlas en centros educativos, encontros de incidencia política, unha xornada multideportiva accesible e a prestación dun servizo de accesibilidade operativo para quen o necesitase.
Este programa foi posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, que financia estas actividades a través dos fondos recadados do 0,7% do IRPF asignados á X Solidaria, un recadro que as persoas contribuíntes poden marcar na súa declaración da renda para apoiar iniciativas de interese social.
Desde Amizade agradecen a todas as persoas que colaboraron a través da X Solidaria, permitindo que proxectos como este sigan sendo unha realidade que transforma vidas.