COGAMI iniciou en 2024 o programa Máis Emprego, unha iniciativa que busca mellorar a empregabilidade de persoas en risco de exclusión social, como aquelas con discapacidade. Este proxecto desenvólvese nas sedes de Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo, e permitirá que máis de 1.700 persoas participen ao longo dos cinco anos de duración.
64 persoas atendidas en Lugo
Desde os inicios do programa, a oficina de COGAMI en Lugo atendeu a 64 persoas, distribuídas por diferentes comarcas: 49 da comarca de Lugo, 7 da Terra Cha, 3 de Sarria, 2 de Terra de Lemos e unha persoa dos Ancares, Mariña Central e A Fonsagrada.
O programa, financiado por Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus, ten como obxectivo promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a mellora da empregabilidade, apostando por un enfoque integral que inclúe formación e contacto directo co tecido empresarial ademais de atención e orientación laboral.
Itinerarios personalizados e formación especializada
Máis Emprego ofrece itinerarios individualizados axustados ás necesidades de cada participante e ás demandas do mercado laboral. Para mellorar a empregabilidade, as persoas beneficiarias acceden a formación especializada e a talleres de alfabetización dixital.
En Lugo, 49 persoas participaron en 10 cursos sobre: 2 de Manipulación de alimentos, Carretilla elevadora, Primeiros auxilios, Atención ao cliente e medios de pago, Expendedor de combustible con prácticas en empresa, Soporte vital básico, Alfabetización dixital I e II e
curso de galego de preparación do CELGA.
O papel clave do tecido empresarial
A relación co tecido empresarial é fundamental no desenvolvemento do programa. COGAMI realiza estudos do mercado laboral local para detectar oportunidades de emprego, establecer intermediación entre empresas e persoas en busca de traballo e sensibilizar o empresariado sobre a importancia da contratación de persoas con discapacidade.
José Antonio Gómez, unha das 20 persoas inseridas
En Lugo, 20 persoas xa atoparon emprego grazas a Máis Emprego, entre elas José Antonio Gómez, quen leva máis de 25 anos vencellado ao servizo de emprego de COGAMI. José Antonio tivo unha lesión no xeonllo que lle impediu continuar co seu traballo anterior, obtendo un certificado de incapacidade laboral emitido polo Instituto Nacional da Seguridade Social. Isto levouno a reconsiderar a súa traxectoria profesional e a formarse en novas áreas para iniciar unha nova etapa no mercado laboral. “Formeime en todo tipo de cursos para poder seguir traballando”, explica. A súa formación en atención ao cliente, manipulación de alimentos e carretilla elevadora permitiulle manterse activo no mercado laboral, ata que unha nova lesión de columna lle concedeu outra incapacidade, obrigándoo a deixar o traballo que desempeñaba nese momento.
Pero non se rendeu. Agora, con 50 anos, José Antonio comezou unha nova etapa profesional en Laboravi Social Galicia, unha empresa de recollida e entrega de paquetería. “Estou agradecido porque apostaron por min. Hai que poñerlle empeño e decisión á vida”, conclúe.
Nas fotos
José Antonio Gómez, persoa usuaria do SIL en Lugo
Pedro Fernández e Lucas Santomé, orientadores do programa Máis Emprego de COGAMI en Lugo