MANIFESTO 25N Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

MANIFESTO 25N Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

COGAMI este 25N adhírese ao manifesto da asociación CEMUDIS (Confederación Estatal de Mulleres con Discapacidade), da que forma parte ACADAR (Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia).

MANIFESTO 25N 
Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Por unha sociedade dixital segura e sen prexuízo patriarcal

A violencia contra as mulleres e as nenas é a máxima expresión da discriminación e opresión de xénero que vivimos a metade da poboación do mundo, constituíndo unha vulneración dos nosos Dereitos Humanos. Queremos poñer o foco este ano na violencia de xénero dixital, unha forma de violencia que traslada as agresións verbais e psicolóxicas do mundo físico ao ámbito virtual, onde se reproducen, perpetúan e amplifican baixo o paraugas do anonimato.

O auxe e desenvolvemento das TIC supuxeron unha revolución na forma de relacionarnos, favorecendo o intercambio de coñecementos e a busca de información. Pero, de forma paralela, crearon novas formas de violencia e vulneración ás que as mulleres e nenas con discapacidade estamos máis expostas, especialmente aos riscos que supoñen as redes sociais, que se converteron nunha plataforma onde podemos ver as diferentes caras que ten a violencia dixital. Termos como sextorsión, ciberacoso, explotación sexual en liña, grooming, sexting sen consentimento ou doxing entraron en todos os ámbitos da nosa vida, reproducindo patróns culturais e relacións de poder.

As formas máis comúns e recoñecidas de violencia dixital denunciadas son: desinformación e difamación (67%), ciberacoso (66%), incitación ao odio (65%), suplantación de identidade (63%), piratería informática e acoso (63%), astroturfing (un esforzo coordinado para compartir contidos prexudiciais a través de plataformas, 58%), abuso baseado en vídeo e imaxes (57%), doxing (55%), ameazas violentas (52%) e imaxes non desexadas ou contido sexual explícito (43%).

Enfronte destas novas formas de violencia, as persoas que viven esta realidade atópanse frecuentemente desprotexidas. Segundo o informe Mulleres novas e acoso nas redes sociais do Instituto de las Mujeres (2022), o 79,8% das mozas sufriron agresións ou acoso nas redes sociais; o 43,5% foi insultada, ameazada ou recibiu mensaxes ofensivas; un 45,7% das mulleres novas entre 16 e 24 anos admiten sentirse ofendidas, humilladas, intimidadas, acosadas e/ou agredidas algunha vez empregando redes sociais; e un 44,3% recibiu fotos ou comentarios sexualmente explícitos non solicitados.

A transformación dixital ofrece un abano de oportunidades que debería estar ao servizo do desenvolvemento humano e sostible da sociedade, pero está sendo utilizada para perpetuar un novo tipo de violencia que incide nun dos grupos sociais máis vulnerables: as mulleres e nenas con discapacidade.

De acordo cos datos extraídos da enquisa realizada por ACADAR en 2022 sobre o impacto da violencia de xénero dixital nas mulleres e nenas con discapacidade en Galicia, o 44% das mulleres indicou recibir comentarios ofensivos sobre o seu aspecto, corpo ou vida sexual. Ademais, o 37% recibiu mensaxes non desexadas sobre estes temas. Máis do 41% das mulleres recibiu propostas sexuais non desexadas mediante mensaxe e preto do 35% afirmou recibir, sen consentimento, fotografías ou vídeos de índole sexual.

A isto súmase a aparición da Intelixencia Artificial (IA), unha nova ferramenta que, baixo o mandato patriarcal, reproduce roles e estereotipos de xénero. Este prexuízo implica unha nova forma de estigmatización e require unha revisión das oportunidades e ameazas que supón. É necesario priorizar a diversidade e a inclusión no desenvolvemento das tecnoloxías asociadas á IA, considerando que as mulleres e nenas con discapacidade son un dos grupos máis vulnerables á violencia de xénero dixital.

Todo isto conleva importantes consecuencias a nivel sociosanitario, político, económico e de seguridade para as mulleres e nenas, así como para as súas familias. A violencia de xénero dixital ten un impacto directo na vida en liña e fóra dela, onde as mulleres que viven unha situación de violencia a miúdo se autocensuran para evitar ser branco deste tipo de delitos, o que se traduce nunha diminución da súa participación na vida pública.

Outro aspecto sobre o que queremos alzar a voz este 25N é o impacto da violencia de xénero dixital na saúde das mulleres e nenas. Estrés, ansiedade, depresión, trastorno de estrés postraumático, pensamentos suicidas ou intentos de suicidio son unha realidade asociada á violencia de xénero dixital. De acordo cos datos do informe do ONTSI (Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade), o 54% das mulleres que sufriron acoso en redes sociais experimentaron ataques de pánico, ansiedade ou estrés. E o 42% das nenas e mozas que sufriron acoso en liña mostraron estrés emocional, baixa autoestima e perda de confianza.

Debemos buscar novas formas e ferramentas para afrontar esta realidade. A educación dixital é imprescindible para limitar este tipo de violencia, poñer límites e coñecer os canais de denuncia ante os delitos que se producen no ámbito dixital.

Por todo isto, reivindicamos:

  • Recoñecer e tipificar a violencia de xénero dixital dentro do marco xurídico estatal.
  • Incorporar a variable propia da discapacidade e xénero no desenvolvemento das tecnoloxías asociadas á Intelixencia Artificial.
  • Incluir a educación dixital dentro dos programas educativos para garantir que as nenas, adolescentes e mulleres con discapacidade saiban identificar os tipos de violencia dixital.
  • Potenciar a participación de adolescentes e mulleres con discapacidade nos espazos en liña como ferramenta de inclusión e calidade democrática.
  • Mellorar os canais e espazos de denuncia desde as institucións públicas.
  • Impulsar espazos de atención e acompañamento para as mulleres que viven violencia dixital.
  • Promover formación especializada sobre violencia dixital con perspectiva de xénero.
  • Garantir o acceso ás TIC e á conexión dixital.
  • Asegurar a retirada de contidos sexuais ou violentos en internet sen consentimento.