COGAMI adhírese ao Manifesto de ACADAR e CEMUDIS.
8M: 20 anos, 1 Convención e unha necesidade; todos os dereitos, todas as mulleres
Como cada 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, alzamos a voz para reivindicar os nosos dereitos, denunciar as desigualdades que persisten e reclamar unha igualdade real e efectiva para todas. Unha igualdade que non deixe atrás a ninguén e que só pode construírse desde unha mirada feminista, inclusiva e baseada nos dereitos humanos, que sitúe no centro ás mulleres e nenas con discapacidade.
Este 2026 cúmprense 20 anos da aprobación da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas, un tratado internacional que supuxo un cambio de paradigma histórico: o paso dun enfoque asistencial e médico a un enfoque social e de dereitos humanos. Por primeira vez, as persoas con discapacidade fomos recoñecidas como persoas plenas de dereitos, e non como obxectos de protección ou caridade.
Para as mulleres con discapacidade, a Convención significa moito máis que un novo recoñecemento legal. O artigo 6 recoñece explicitamente que estamos expostas a múltiples formas de discriminación e establece a obrigación dos Estados de adoptar medidas específicas para garantir o exercicio pleno e efectivo dos nosos dereitos. Por fin, o dereito internacional evidenciaba unha realidade que durante décadas permanecera invisible, recoñecendo as barreiras específicas ás que se enfrontan as nenas e mulleres con discapacidade.
Antes da Convención, as mulleres e nenas con discapacidade non formabamos parte da axenda política. Nas políticas e debates sobre discapacidade, as nosas demandas como mulleres quedaban relegadas; e nos movementos feministas, a realidade da discapacidade apenas se tiña en conta. Esta dobre invisibilidade tivo consecuencias directas nas nosas vidas: menor acceso á educación e ao emprego, menos autonomía e participación social e política, maiores vulneracións dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos e unha exposición máis elevada a todas as formas de violencia. A Convención contribuíu a visibilizar esta situación e a recoñecer os nosos dereitos, pero vinte anos despois seguen pendentes moitos dos compromisos asumidos. Para que os nosos dereitos sexan efectivos, non abonda con que estean recollidos nun texto ratificado: deben cumprirse plenamente.
A Convención supuxo un cambio de paradigma necesario ao afirmar que a desigualdade non está en nós, senón nas barreiras sociais, culturais, económicas e políticas que impiden o exercicio real dos nosos dereitos. A pesar deste avance de declaración de dereitos, dúas décadas despois, a fenda entre os dereitos recoñecidos e o exercicio real dos mesmos para unha participación plena na sociedade de moitas mulleres e nenas con discapacidade segue sendo alarmante.
Hoxe seguimos afrontando dificultades para acceder a unha educación verdadeiramente inclusiva, pese ao recoñecemento do dereito a un sistema educativo inclusivo, de calidade e gratuíto a todos os niveis para as persoas con discapacidade, recoñecido no artigo 24 da Convención. Segundo o Informe Olivenza 2023, só o 59,8% das nenas con discapacidade continúa estudando despois da educación secundaria obrigatoria, o que supón unha vulneración directa dese dereito e limita desde a base as nosas oportunidades de participación social e laboral.
Os datos sobre emprego mostran como se incumpre o dereito para traballar en igualdade de condicións e sen discriminación que recolle a Convención (art. 27). Seguimos enfrontando taxas de desemprego e pobreza altas: o 22,4% das mulleres con discapacidade atópase en situación de desemprego e o 65,4% permanece inactiva, e os nosos ingresos son uns 13,3% inferiores aos das mulleres sen discapacidade. A isto súmaselle que o 27,3% das mulleres con discapacidade nunca traballou, fronte ao 8,6% dos homes con discapacidade, tal e como recolle o informe “Dereitos Humanos das Mulleres e Nenas con Discapacidade” (2024) de Fundación Cermi Mujeres, evidenciando unha discriminación estrutural por razón de xénero e discapacidade que contradi de forma frontal as obrigacións dos Estados en materia de traballo e emprego (art.27) e de igualdade e non discriminación (art.5).
Neste contexto, a aprobación de avances normativos e políticos nos últimos anos, como a reforma do artigo 49 da Constitución Española en 2024, por unha banda, e por outro, o recente Plan de acción para a promoción e protección dos dereitos das mulleres e as nenas con discapacidade, supoñen un avance importante, pero claramente insuficiente para garantir unha igualdade real e efectiva. A existencia de normas e plans non garante, por si soa, o exercicio real dos dereitos. É imprescindible garantir recursos económicos dirixidos a levar a cabo estas normas ademais de fomentar a participación directa das propias mulleres con discapacidade, os dereitos seguen sendo papel mollado.
A situación actual de falta de investimento e apoio a políticas dirixidas ás persoas con discapacidade e especialmente a nenas e mulleres con discapacidade redúcese a pesar de que é imprescindible seguir reforzando o seu traballo sobre todo nun contexto no que nos atopamos con mensaxes capacitistas, en contra dos movementos feministas que se non conseguimos abordar supoñen unha vulneración de dereitos humanos que afecta en maior medida ás nenas e mulleres con discapacidade. A redución de recursos e apoios específicos limita a súa autonomía, incrementa a exclusión e exponnos a maiores situacións de vulnerabilidade, obviando ademais as nosas necesidades desde unha perspectiva de xénero e discapacidade. Retroceso que contradi os compromisos asumidos polo Estado español ao adherirse á Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, o cal obriga a garantir a igualdade, a non discriminación e o pleno exercicio de dereitos en condicións de accesibilidade e apoios adecuado. Os recortes impactan directamente nas entidades sociais que sostemos este labor, moitas delas dependentes dun financiamento público inestable e a curto prazo, empuxándoas á precariedade ou á súa desaparición. Cando unha entidade desaparece, non só pérdese un servizo, senón tamén o coñecemento, a experiencia e as redes de apoio construídas durante anos, debilitando de forma estrutural a garantía efectiva de dereitos que a Convención e nosa propia Constitución esixen como permanentes.
Non pedimos privilexios. Esiximos o cumprimento efectivo dos nosos dereitos, recoñecidos en tratados internacionais de obrigado cumprimento, como a Convención de Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que España ratificou. A Convención non é unha declaración simbólica: é unha obrigación xurídica.
Por todo iso, desde CEMUDIS xunto ás nosas entidades confederadas, este 8 de marzo reivindicamos:
Vinte anos despois da Convención, a nosa mensaxe é clara e firme.
Os nosos dereitos non poden esperar outros vinte anos.
Este 8 de marzo, nas rúas, nas redes e en todos os espazos onde se xogan os nosos dereitos, as mulleres con discapacidade dicimos alto e claro: sen nós non hai feminismo, sen dereitos non hai igualdade.
#8M