Hoxe, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, atopámonos un ano máis nunha data importante para a reivindicación, dirixida aos poderes públicos así como ao conxunto da sociedade, da necesidade de promover e fomentar a igualdade real de oportunidades para abordar todas as situacións de discriminación ou exclusión social que vivimos as mulleres e nenas en todo o mundo.
Este día conmemora a loita das mulleres, en permanente evolución, por transformar a realidade preservando os dereitos básicos e fundamentais do colectivo. Desde o Movemento asociativo de Mulleres con Discapacidade, destacamos este ano o avance lexislativo que supuxo a reforma do artigo 49 da Constitución Española, o cal fai referencia ás persoas con discapacidade, coa eliminación do texto dos conceptos e expresións que supoñían un prexuízo sobre elas, así como o recoñecemento pleno dos seus dereitos.
Aínda que é certo que isto supón un novo fito no avance para as liberdades e a igualdade real das persoas con discapacidade, é necesario remarcar que a situación de especial vulnerabilidade das mulleres e nenas con discapacidade xustifica claramente que o novo artigo 49 da Constitución faga alusión expresa á atención das súas necesidades.
Con todo, reclamamos que os cambios se estendan a todas as esferas de actuación e participación social, cunha atención especial ás nenas e mulleres con discapacidade, porque de nada valerá cambiar expresións e conceptos se non se promove un cambio de paradigma, incluíndo a perspectiva de xénero.
Sobre isto, no Informe Final sobre a Situación Social e Laboral das mulleres con discapacidade, publicado dende CEMUDIS (Confederación Estatal de Mulleres con Discapacidade) da que COGAMI forma parte, destácase que máis do 30% das mulleres con discapacidade atópanse en situación de desemprego ao que se engade que, en caso de ter un emprego remunerado, case a metade atópase percibindo unha remuneración inferior ao Salario Mínimo Interprofesional.
Sobre outros aspectos importantes por exemplo o acceso á formación ou ao sistema educativo, menos do 50% de mulleres con discapacidade accederon a estudos superiores como Formación Profesional, Grao Universitario etc., e nos casos nos que se accede á educación a través do proceso ordinario de escola primaria e/o educación secundaria, existen numerosas deficiencias, ademais dos obvios prexuízos sociais, do sistema que supoñen unha dificultade engadida para o desenvolvemento das mulleres e nenas con discapacidade.
O feito de que se reflectira a situación das mulleres con discapacidade dentro da norma fundamental española é moi importante, pero queremos que sexa unha realidade en todos os sentidos e isto pasa porque se establezan as dotacións económicas necesarias e ao mesmo tempo que se apliquen medidas de acción positiva orientadas a mellorar a vida social, política, económica, cultural e laboral das persoas que forman parte do colectivo, para avanzar nunha dirección de igualdade efectiva e real para as mulleres e nenas con discapacidade.
Por último, este ano queremos tamén facer mención especial á necesidade de promover e defender os Dereitos Humanos das mulleres e nenas con discapacidade, facendo un importante recordatorio de que a exclusión, a violencia, ou calquera das variantes da discriminación cara ás mulleres, vulneran directamente os principios da igualdade de dereitos así como do respecto da dignidade humana, recollidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a cal os Estados membro deben respectar e coidar, establecendo medidas de acción positiva e dotando de financiamento necesario ás entidades, organismos, asociacións etc., que traballan tanto na defensa como na promoción dos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade.
Por todo isto, todas as entidades integradas en CEMUDIS exiximos:
•Fomentar a participación social de todas as mulleres e nenas con discapacidade sen distinción.
•Asignar un financiamento xusto e estable para o desenvolvemento de programas e actividades que levan a cabo as entidades asociativas.
•Establecer e promover formación especializada aos equipos socio-sanitarios, equipos profesionais de entidades sociais, así como corpos e forzas de seguridade, para que sexan coñecedores dos procesos de intervención con mulleres e nenas con discapacidade, nos que se impulse o benestar e a autonomía persoal.
•Garantir o dereito á saúde sexual, entendida como un estado de benestar físico, mental e social que comprende a posibilidade de gozar experiencias sexuais sen discriminación, violencia ou prexuízos.
•Velar polo cumprimento dos dereitos fundamentais recollidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos.
•Incorporar indicadores en todos os estudos e estatísticas para dar a coñecer a situación das mulleres e nenas con discapacidade que viven ou viviron violencia en calquera das súas modalidades.
•Impulsar a perspectiva da discapacidade e de xénero en todos os proxectos subvencionados con fondos públicos que poidan estar relacionados coa violencia contra as mulleres e nenas.
•Garantir e fomentar unha educación inclusiva e adaptada para as nenas e mulleres con discapacidade, incluíndo accións encamiñadas á erradicación do fracaso e/o abandono escolar.
•Promover un sistema educativo baseado na coeducación que consolide a igualdade de oportunidades, a corresponsabilidade e a inclusión social de todas as mulleres.
•Promover unha imaxe que se axuste á realidade, de forma positiva, das nenas e mulleres con discapacidade que poida favorecer a inclusión social do colectivo en todos os aspectos da vida.
•Recoñecer desde os poderes públicos o labor desempeñado cada día polas entidades sociais que promoven a igualdade, dotando de recursos e servizos a colectivos en situación de vulnerabilidade, especialmente ás nenas e mulleres con discapacidade.
•Garantir a vida independente e autónoma das mulleres e nenas con discapacidade.
•Establecer os mecanismos necesarios para facilitar o acceso das mulleres con discapacidade ao mercado laboral.
•Promover e fomentar a participación cultural e o lecer, desde unha perspectiva de accesibilidade e inclusión social, para as mulleres e nenas con discapacidade.