Mantense estable o impulso social da poboación galega marcando o X Solidario con máis recadación para proxectos sociais

  • Con actos en Santiago, Vigo e Verín, as entidades sociais galegas animan á cidadanía a marcar o X Solidario no recadro 106 “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social” na súa declaración da renda.
  • Na campaña do 2025, 793.189 contribuíntes galegos e galegas, marcaron o recadro do X Solidario, recadándose 30.127.138 de euros, (3.607.069 euros máis que o ano anterior).
  • En 2025, 168 organizacións de acción social de toda Galicia levaron a cabo 773 proxectos que beneficiaron de xeito directo a un mínimo de 181.702 persoas.

As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego, representadas por EAPN Galicia, CERMI Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, reuníronse un ano máis co motivo do inicio da campaña da Declaración da Renda para tentar que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, o chamado X Solidario.

A Praza da Quintana en Santiago acolleu o acto de presentación da campaña onde entidades e persoas beneficiarias fixeron un novo chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe crecendo e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas.

A iniciativa contou coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e o Instituto Europeo Campus Stellae, consistiu na elaboración dun X xigante. A este acto sumáronse outros semellantes en localidades como Vigo e Verín

Este ano a campaña arranca co lema O Xesto Lendario. Con inspiración cinematográfica, e baixo a consigna de que un xesto ‘épico’ cambia o destino de milleiros de vidas, anímase este ano a marcar a X Solidario e compartir nas redes co cancelo #OXestoLendario e #ElGestoLegendario.

A lectura do manifesto correu a cargo da directora da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia, Inés Salteiro, o presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo e a vogal de EAPN Galicia- Rede Galega contra a Pobreza, Saray Durán.

En palabras de CERMI: “o escenario mundial que se presenta non parece  esperanzador, e en tempos de crise, as persoas en risco de pobreza soen ser as máis afectadas. Decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica, motivo polo que pedímoslle á sociedade que marque este recadro, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida dos colectivos máis vulnerables.”

Ines Salteiro recalcou que “marcando o X Solidario, nin pagamos máis nin nos devolven menos, e podemos contribuír á realización de programas e proxectos que poden mellorar a situación de milleiros de persoas.”

Finalmente,  Miguel Rodríguez, de EAPN, reclamou á Xunta de Galicia, responsable da regulación do procedemento de reparto de axudas, “simplificación burocrática, unha única convocatoria e a súa publicación nos primeiros meses do ano.”

:: Mantense a solidariedade da cidadanía cunha recadación maior

Durante o 2025, a campaña recadou en Galicia  30.127.138 €, grazas a que 793.189 contribuíntes (o 53,2% do total) marcaron o X Solidario na súa declaración, o que supón unha recadación de 37’98 € por persoa, 4,56% máis que o ano anterior.

Malia que o resultado dos datos é positivo, cun aumento da recadación de 3.607.069 € con respecto ao ano anterior, mantívose o número de contribuíntes, polo que é esencial que máis persoas se animen a contribuír. 698.443 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (578.825 non marcaron ningún recadro e 119.618 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 49.884.694€. (19.757.555€ máis).

A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 567.210.822€ grazas a que case de 12.400.000 persoas marcaron o X Solidario na súa declaración, significando o 50,5% do total das persoas declarantes.

:: Un xesto que beneficia a milleiros de persoas

Grazas ao X Solidario, no 2025 168 organizacións de acción social de toda Galicia, 21 máis que o ano pasado, puideron levar a cabo 773 proxectos que beneficiaron directamente a un mínimo de 184.388 persoas.

Os fondos reunidos do pasado ano contribuíron á mellora da calidade de vida da poboación máis vulnerable a través de numerosos proxectos sociais. Iniciativas que traballan a prol do fomento de autonomía e participación comunitaria, na inclusión sociolaboral, no envellecemento activo, na participación activa da vida política e pública, na conciliación e mediación familiar, entre outros. En relación aos avances tecnolóxicos, moitos programas centráronse na alfabetización dixital, e na prevención e actuación ante os discursos de odio.

Todos estes proxectos teñen en común unha atención social individualizada, facendo protagonista á propia persoa do seu proceso. Cobren as necesidades de máis persoas en situación de vulnerabilidade e ofrecen unha confianza, proximidade e vínculo.

Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcar o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, non custa nada. Nin se paga máis nin se devolve de menos e como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

:: O adianto da convocatoria favorece a estabilidade dos programas

A recadación resultante de marcar a X Solidaria financia directamente programas e proxectos sociais a través de tres convocatorias da Xunta de Galicia, dependentes das Consellerías de Política Social e Igualdade, Cultura, Lingua e Xuventude e Sanidade.

Actualmente os prazos de publicación, resolución e pagamento ás entidades que se presentan a esta convocatoria, son moi axustados e dificultan notablemente non so a planificación e execución dos programas presentados senón tamén a súa xestión financeira..

Ademais de reiterar a necesidade de unificar nunha única convocatoria as tres actuais ou de asegurar en todo caso os mesmos requisitos e prazos nas mesmas, solicitamos replicar modelos doutras comunidades autónomas que favorecen a  estabilidade e simplificación burocrática dos programas anticipando a publicación da convocatoria e sobre todo adiantando a resolución e pago dos programas nos meses de novembro e decembro.

Galería de imaxes

Todas