Marcar o X Solidario na declaración da renda fai posible proxectos sociais sen pagar máis impostos

Marcar o X Solidario na declaración da renda fai posible proxectos sociais sen pagar máis impostos

 

 

 

 

 

 

Xeral  Vigo Lugo A Estrada
   
Argumentario Manifesto    

 

As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego,  representadas por EAPN Galicia, CERMI Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), reuníronse un ano máis co motivo do inicio da campaña da X Solidaria para intentar que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”.

Diferentes localizacións como: a Praza da Quintana en Santiago de Compostela, a rúa da Luz en Lugo, a rúa do Príncipe en Vigo e a Praza de Martínez Anido de A Estrada)  acolleron o acto de rúa da presentación da campaña onde entidades e persoas beneficiarias fixeron un novo chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe medrando e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas.

Por outra banda, as entidades tamén animaron a todas aquelas persoas que xa están sensibilizadas a apoiar a difusión da campaña, que este ano chega ás redes coa etiqueta #FaiQuePase e #HazQuePase.

Lectura dun manifesto

Todas as entidades procederon á lectura dun manifesto que en Santiago correu a cargo da directora da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia (POIG), Inés Salteiro, o presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo e do directivo de EAPN-Galicia, Miguel Rodríguez, quen reclamaron á Xunta de Galicia, responsable da regulación do procedemento de reparto de axudas, unha simplificación burocrática e unha única convocatoria.

En Vigo estiveron presentes as entidades Abertal, Accem, Arela, COGAMI, DOA Saúde Mental, ECCA Social, Fundación Érguete-Integración, Fundación Emaús, Fundación Esplai, Fundación Juan Soñador, Provivienda, Saúde Mental FEAFES Galicia e Secretariado Xitano. O manifesto foi lido por Ana M. Álvarez, directora da Fundación Érguete-Integración e secretaria de EAPN Galicia- Rede Europea contra a Pobreza, Ángel Holguera, presidente da Federación provincial de COGAMI Pontevedra, entidade integrante de CERMI Galicia, e Daniel Bóveda Castro, responsable territorial de ACCEM en Galicia.

En Lugo concentráronse COGAMI, Down Galicia, FEAFES, Juan Soñador, IGAXES, Fundación Secretariado Xitano, ALUCEM, ALCER Lugo, Cruz Vermella, San Vicente de Paul, ADACE e o Colexio de Educación Especial Santa María. O manifesto foi lido por persoas usuarias do centro de atención diúrna de COGAMI: Nieves Gayoso presentou o acto e o manifesto foi lido por María del Carmen Parapar, Luis Alberto García e Julio Antonio González.

En A Estrada a X Solidaria realizárona con globos as persoas usuarias e profesionais do centro de COGAMI en Medelo e as entidades Agadea e APACAF. O manifesto foi lido por Paula Clementa González, persoa usuaria do centro de COGAMI en Medelo, a presidenta de APACAF, Mª José Ferradáns, e dúas persoas usuarias de Agadea, Marisa e Esther.

En Verín son representantes do CDR O Viso e CDR Portas Abertas quen se concentre para facer a X Solidaria na Praza do Concello. Lerá o manifesto Tamara Balboa, presidenta de COCEDER.

:: Un recadro que cada ano suma

Durante o 2024, a campaña recadou en Galicia  26.520.069 €, grazas a que 793.484 (o 53,63% do total de persoas contribuíntes) marcaron o X Solidario na súa declaración, o que supón unha recadación de 33’42 € por persoa.

Malia que o resultado dos datos é positivo, cun aumento da recadación de 2.490.581 € con respecto ao ano anterior, con 18.089 persoas máis marcando o recadro 106,  aínda queda traballo por facer.  Da totalidade dos contribuíntes,  686.173 seguen sen marcar o X Solidario (566.858 non marcaron ningún recadro e 119.315 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 44.053.850 € (17.533.781 € máis).

A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 512.000.000 € grazas a que máis de 12.300.000 persoas marcaron o X Solidario na súa declaración, o que se traduce nun 52% do total das persoas declarantes.

:: Unha recadación que contribúe a unha transformación social

Os fondos colectados do pasado ano contribuíron a mellorar a calidade de vida da poboación máis vulnerable. Numerosos proxectos poñen o foco na inclusión socio laboral, no fomento da autonomía persoal, no envellecemento activo e prevención de dependencia, na participación activa na vida política e pública, na atención social individualizada ou na conciliación e mediación familiar, entre outros. Moitos dos programas dan resposta a novas necesidades derivadas das novas tecnoloxías, ofrecendo aprendizaxe en competencias dixitais, prevención de acoso nas redes, ou detección e actuación ante discursos de odio, axudando a pechar a fenda dixital e educativa.

Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcando o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, nin se paga máis nin se recibe menos cartos no caso de devolución e, como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

Máis información: 

604 02 81 98 (Só medios de comunicación).

www.xsolidaria.org

EAPN Galicia / CERMI Galicia e Plataforma de ONG de Infancia.

FOTOS

A Estrada

Val do Dubra

Lugo

Ribeira

Santiago

Verín

Vigo

Galería de imaxes