Mulleres con discapacidade de Santiago e Lugo formáronse con ACADAR no manexo das TIC para impulsar a súa inserción laboral

Mulleres con discapacidade de Santiago e Lugo formáronse con ACADAR no manexo das TIC para impulsar a súa inserción laboral

 Descarga a nota en word

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) desenvolveu ao longo deste ano o Programa de Atención Social e Asesoramento Especializado I, unha iniciativa que proporcionou apoio e formación personalizada a 26 mulleres con discapacidade nas cidades de Santiago de Compostela e Lugo. Este programa ten como obxectivo principal mellorar as habilidades sociais, formativas e prelaborais das mulleres participantes, ofrecendo itinerarios adaptados ás súas necesidades específicas para facilitar a súa inserción no mercado laboral.

Entre as actividades realizadas, destacaron as sesións formativas tanto individuais como en grupo sobre Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), onde as participantes adquiriron competencias clave para a procura de emprego, como o uso do correo electrónico, o certificado dixital, os portais de emprego ou a creación dun currículum vitae profesional.

Ademais, o programa abordou un tema de gran relevancia: a violencia sexual dixital contra mulleres e nenas con discapacidade. As accións de sensibilización e formación orientáronse a fomentar o uso responsable e seguro das TIC, capacitando ás mulleres para unha convivencia dixital respectuosa e libre de riscos.

A realización deste servizo foi posible grazas á colaboración cidadá mediante a marcación da X Solidaria (recadro 106 de fins sociais) na declaración da renda, impostos que xestiona a Xunta de Galicia e destinados a financiar proxectos como este. A través deste apoio, iniciativas que promoven a inclusión laboral e o empoderamento de mulleres con discapacidade poden seguir traballando en prol dunha sociedade máis xusta e inclusiva.

Desde a súa fundación en 2009, ACADAR mantén o compromiso de promover, coordinar e reivindicar os dereitos das mulleres e nenas con discapacidade, fomentando a súa plena inclusión en todos os ámbitos sociais.

Galería de imaxes