A Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade repite edición do proxecto “Río Miño, Marca Inclusiva. Navegando pola historia do Baixo Miño”, unha proposta de turismo accesible e cultural dirixida prioritariamente a persoas con discapacidade.
A iniciativa, que a entidade desenvolve dende hai anos, baséase en rutas fluviais polo río Miño a bordo de embarcacións adaptadas, con prazas e ancoraxes para cadeiras de rodas e apoio específico para garantir a participación en condicións de seguridade, comodidade e autonomía.
As saídas realízanse dende o embarcadoiro accesible de Goián, en Tomiño, con rumbo a distintos enclaves da contorna transfronteiriza do Baixo Miño poñendo en valor o patrimonio natural, histórico, cultural e de identidade do territorio. Ademais, incorpora materiais accesibles (códigos QR e audioguías) e apoio na mobilidade, co obxectivo de facer do turismo unha experiencia máis inclusiva, comprensible e participativa.
Para levalo a cabo, o proxecto conta coa colaboración do Club Deportivo Sen Amarras e coa cofinanciación do Concello de Tomiño e da Deputación de Pontevedra.
Entre os seus principais obxectivos atópanse a divulgación da historia, da tradición e da cultura do Baixo Miño, así como a promoción dun turismo cultural accesible para todas as persoas. A proposta tamén aposta pola sensibilización sobre o dereito das persoas con discapacidade a gozar do lecer e da cultura en igualdade de condicións, en liña cos principios recollidos no Código Ético Mundial para o Turismo da Organización Mundial do Turismo e na Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.
A actividade bota a andar neste mes de maio e estenderase ata setembro, adaptándose ás condicións meteorolóxicas e ás necesidades das persoas participantes. Poderán participar tanto persoas a título particular como grupos de entidades, e para iso deberán poñerse en contacto coa Asociación Vontade a través do correo electrónico traballosocial@vontade.org ou no teléfono 986 623 044.