COGAMI recibiu nas súas instalacións de A Coruña a visita do alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, quen foi recibido polo vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo; o coordinador da área de Accesibilidade, Álvaro García; o director da oficina de COGAMI na Coruña, Roberto Camba; e a orientadora laboral, Mª Yolanda Grandal.
Durante a xuntanza abordáronse as vías de colaboración entre ambos organismos, así como os servizos que presta COGAMI actualmente en beneficio das persoas con discapacidade e familias deste municipio coruñés.
A través do Servizo de Emprego, a Organización ofrece información, orientación e apoio á inserción laboral de persoas con discapacidade. A orientadora laboral, Yolanda Grandal, desprázase periodicamente ata Carral para acompañar a persoas que están na procura de emprego. Nos últimos doce meses, 13 persoas recibiron orientación laboral, das cales 7 lograron acceder a un posto de traballo, o que reflicte o impacto positivo deste servizo no territorio.
En total, 42 persoas residentes en Carral foron atendidas, 23 homes e 19 mulleres. O grupo de idade máis numeroso sitúase entre os 41 e 50 anos, e as persoas de entre 41 e 60 anos representan o 59,5 % do total de persoas usuarias.
Outro dos recursos que COGAMI presta é o servizo de atención temperá, dirixido a nenas e nenos de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos. O obxectivo é mellorar a súa calidade de vida mediante un traballo conxunto entre familias, persoas coidadoras e profesionais especializados, que contribúen ao desenvolvemento e autonomía das crianzas. Dende que iniciou este servizo no mes de maio deste ano, atendéronse a 30 familias.
Tamén se destacou o servizo de accesibilidade, fundamental para eliminar barreiras e mellorar a ergonomía, transitabilidade e usabilidade dos espazos públicos e servizos, promovendo a autonomía das persoas con discapacidade.
O alcalde de Carral amosou o seu interese en impulsar un plan de accesibilidade municipal e en asinar un convenio de colaboración con COGAMI, co fin de formalizar e reforzar os servizos que a Confederación xa presta dende hai tempo no municipio.