O centro de atención diúrna de Fingoi reduce consumo e emisións cunha batería de acumulación solar e maquinaria eléctrica sostible


O centro de atención diúrna que COGAMI ten en Fingoi, Lugo, continúa a dar pasos firmes na súa estratexia de sostibilidade ambiental, aliñada coa Política de Sostibilidade implantada por COGAMI no seu Plan Estratéxico 2023-2026.

Durante o ano 2023, o centro puxo en marcha unha instalación de paneis solares fotovoltaicos e, como complemento a esta acción, en 2024 incorporou unha batería de acumulación de enerxía solar. Esta batería permite almacenar o excedente xerado polos paneis e utilizalo cando sexa necesario, reducindo así a dependencia das enerxías convencionais. Grazas a esta medida, o consumo eléctrico do centro pasou de 27.666 kWh no ano 2022 a tan só 9.008 kWh en 2024, cunha previsión aínda menor para o 2025.

Nesta mesma liña de acción sostible, o centro incorporou un tractor cortacéspede eléctrico que funciona coa enerxía xerada pola instalación solar. Esta nova maquinaria non só contribúe á redución de emisións de CO₂, senón que tamén minimiza a contaminación acústica durante as tarefas de mantemento do xardín, mellorando así o confort das persoas usuarias e do persoal do centro.

Tanto a adquisición do tractor como a incorporación da batería foron financiados a través do 0,7 % do IRPF da X Solidaria que xestiona a Xunta de Galicia. Con estas accións, o centro reforza o seu compromiso co medio ambiente e co benestar das persoas, consolidando un modelo de xestión responsable e eficiente.

Galería de imaxes

Todas
|
COGAMI
|
Fingoi
|
sostibilidade
|
Sostibilidade