O centro de COGAMI en Mos estrea vehículo adaptado

O centro de COGAMI en Mos estrea  vehículo adaptado

A flota de vehículos de transporte adaptado do centro de día e ocupacional que ten COGAMI en Mos conta cunha nova incorporación. Trátase dunha furgoneta modelo Ford Transit Ecoblue Hybrid con capacidade para 9 prazas. Na parte dianteira, ademais do asento da persoa condutora, conta cunha dobre praza, e na parte traseira ten habilitados 6 asentos individuais que se poden extraer para deixar sitio a catro cadeiras de rodas.

Outra das características desta nova incorporación é que está dotada dunha plataforma elevadora na parte traseira e de dous chanzos eléctricos, un deles colocado na porta lateral e o outro está na porta do copiloto.

Este vehículo, que foi adquirido cos fondos Next GenerationEU no Plan de Recuperación,Transformación e Resilencia, vai poder facer unha das catro rutas que realizan 36 persoas que acoden ao centro de luns a venres, procedentes da zona urbana dos concellos de Vigo e Nigrán, da zona de Teis e Chapela dos concellos de Vigo e Redondela, da zona sur e leste dos concellos de O Porriño e Ponteareas e das zonas de Budiño, O Porriño e Mos.

Suporá un reforzo para as rutas próximas ao centro, permitindo reducir o tempo de transporte doutras, encargándose de tres percorridos diarios en horario de mañá, mediodía e tarde, cun traslado de 7 persoas en cada quenda. Este vehículo tamén realizará o transporte de persoas a actividades fóra do centro de recursos como son a natación terapéutica e a realización de actividades da vida diaria.

Con este nova incorporación, o centro de Mos conta agora con cinco vehículos adaptados que cada ano van cubrir unhas rutas que superan o total de 100.600 quilómetros.

Galería de imaxes