O Hospital Álvaro Cunqueiro, epicentro do estudo do linfedema, lipedema e insuficiencia venosa crónica

O Hospital Álvaro Cunqueiro, epicentro do estudo do linfedema, lipedema e insuficiencia venosa crónica

Nota completa

O venres 4 e sábado 5 de abril, a Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL) organiza o I Congreso Estatal sobre estas doenzas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O interese xerado por este congreso, aberto a pacientes, estudantes e profesionais, levou a un aforo completo e a máis de 70 inscricións en liña.

O congreso busca afondar nos últimos avances no tratamento do linfedema, lipedema e insuficiencia venosa crónica, ademais de promover a difusión de coñecementos e a creación de redes entre profesionais do sector. Contará con expertas e expertos de referencia en ámbitos como a cirurxía, a nutrición, o exercicio, a saúde mental, a discapacidade e a fisioterapia, que ofrecerán unha visión integral sobre estas patoloxías, cada vez máis prevalentes na sociedade.

Temática e participantes

A importancia da nutrición: Sabina Soneira, licenciada en Nutrición Clínica, Endocrinoloxía e Nutrición Hospitalaria; Lorena Maestre, dietista especializada en saúde hormonal feminina; e a Dra. Diana López, especializada en Obstetricia e Xinecoloxía, afondarán na relevancia dunha boa alimentación no tratamento destas patoloxías.

Saúde mental e a realidade da discapacidade: Estefanía del Barrio, psicóloga xeral sanitaria e doutorada en Psicoloxía Clínica; Ramón García Guinarte, especialista en Programación Neurolingüística e Hipnose; e Juana Mª Tubío, licenciada en Traballo Social e Pedagoxía Terapéutica, abordarán as implicacións psicolóxicas e sociais destas enfermidades.

A alternativa da cirurxía: O Dr. Jaume Masià, xefe do Servizo de Cirurxía Plástica no Hospital Universitario de Sant Pau (Barcelona), e outros especialistas como o Dr. Alexo Carballeira e a Dra. Rosario Pinal e o Dr. Alejandro Moro Mayor, falarán sobre as alternativas cirúrxicas para o tratamento do linfedema e outras patoloxías vasculares.

Os beneficios do exercicio: Nacho García (experto en Marcha Nórdica), Pilar  Bértolo Castro (experta en Dragon Boat) e María Grobas (fisioterapeuta licenciada en Ciencias da Actividade Física) falarán sobre como a actividade física pode mellorar a calidade de vida das e dos pacientes.

Prendas de compresión, coidado da pel e tratamento farmacolóxico: A Dra. Eva Pérez, especialista en anxioloxía e cirurxía vascular; Carmen Alba, enfermeira e a Dra Bibiana Villamayor afondarán nas técnicas e tratamentos complementarios para estas enfermidades.

A fisioterapia: Profesionais como Román Rodríguez, Curro Millán, Carlos Manero e Iria Da Cuña, compartiran as súas experiencias e coñecementos sobre fisioterapia e os últimos avances na valoración e tratamento destas patoloxías.

Para máis información no teléfono 986 505 443 / 630 024 428 ou no correo info@linfedemagalicia.com

Galería de imaxes