O movemento asociativo de COGAMI medra coa incorporación da Asociación Galega de Lupus  

Na XXVI Asemblea Xeral da Federación Provincial COGAMI Coruña, celebrada en Santiago de Compostela, aprobouse por unanimidade a incorporación da Asociación Galega de Lupus (AGAL) ao movemento asociativo da entidade.

A presidenta de AGAL, Nuria Carballeda, agradeceu a acollida recibida por parte das 23 entidades membro presentes na asemblea e aproveitou a ocasión para presentar a traxectoria da asociación, creada en 1997 para defender os dereitos e mellorar a calidade de vida das persoas con lupus en Galicia.

Con sede na Coruña, AGAL é a entidade de referencia na comunidade para as persoas afectadas por esta patoloxía, que afecta maioritariamente ás mulleres, cunha proporción aproximada de nove casos femininos por cada home diagnosticado. Na actualidade conta con arredor de 400 persoas asociadas en toda Galicia e mantén unha estreita colaboración coa comunidade científica.

Durante a súa intervención, Carballeda destacou os avances acadados nos últimos anos no tratamento da enfermidade. “Hoxe contamos con tratamentos específicos que melloran considerablemente a nosa situación”, sinalou. Non obstante, incidiu na necesidade de continuar impulsando a investigación, a sensibilización social e a visibilización do lupus para seguir avanzando cara a unha mellor atención e calidade de vida das persoas afectadas.

A incorporación de AGAL reforza a representatividade da Federación COGAMI Coruña, que suma xa 31 entidades membro, consolidándose como a federación provincial con maior representación asociativa dentro do movemento COGAMI. No conxunto das catro federacións provinciais, o movemento asociativo agrupa actualmente a 60 entidades.

AGAL traballa para promover unha mellora das condicións de vida das persoas con lupus, favorecer diagnósticos máis precoces e aumentar o coñecemento social e institucional sobre esta enfermidade. Ademais, participa activamente en estudos e proxectos de investigación, impulsando avances científicos e terapéuticos que contribúan a minimizar o impacto da enfermidade e mellorar o prognóstico das persoas afectadas.

Galería de imaxes

Todas