O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou o centro de atención diúrna e ocupacional da entidade AVANTE, en Val do Dubra, acompañado polo alcalde do municipio, Diego Luís Díaz, e pola deputada de Política Social, Mar García Vidal, para facer entrega dun vehículo adaptado destinado ao transporte das persoas usuarias do centro.
Durante a visita, na que estiveron presentes a presidenta de AVANTE, Mercedes Pazos, o secretario da entidade, Manuel Santos, o presidente da Federación COGAMI Coruña, Ramón Sestayo, e o secretario de COGAMI, Víctor Silva, os representantes institucionais interesáronse polo funcionamento do centro e polos servizos que presta en favor da autonomía persoal das persoas usuarias procedentes da comarca.
O vehículo entregado, un Volkswagen Crafter 35, foi adquirido ao abeiro da convocatoria FOIEV, integrada no programa de subvencións da Deputación da Coruña dirixido a entidades sen ánimo de lucro para a mellora de servizos e programas no ámbito social e sociosanitario, a través da adquisición de vehículos adaptados. Ademais, AVANTE contou co apoio da administración provincial noutras actuacións recentes, como a instalación dun sistema de aerotermia nas súas instalacións.
Na actualidade, AVANTE dispón de 40 prazas no seu centro de día e ocupacional, xestiona unha vivenda tutelada en Bembibre con capacidade para 8 persoas e ofrece un servizo de transporte para 30 usuarios e usuarias procedentes de oito concellos rurais, organizado en cinco rutas distintas, o que converte o transporte nun recurso esencial para o desenvolvemento da súa actividade.