Durante o ano 2024, o programa de Intervención Social desenvolvido pola Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER) proporcionou apoio integral a 50 persoas, contribuíndo a mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias.
Este programa ten como obxectivo principal ofrecer acompañamento personalizado tras o diagnóstico, identificando e atendendo as necesidades específicas de cada persoa usuaria e das súas contornas. Entre as actuacións levadas a cabo destacan a información, orientación e derivación a recursos que garantan os seus dereitos en ámbitos como vivenda, situación socioeconómica, adaptacións técnicas, laborais e apoio familiar.
Ademais, foméntase a participación activa das persoas beneficiarias no proceso da enfermidade, promovendo a súa autonomía e traballando para superar as barreiras que dificultan o seu desenvolvemento e inclusión social.
Este servizo foi financiado pola Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións destinadas a programas de interese xeral con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF, coñecida como 'X Solidaria'. Esta subvención permitiu a contratación dunha traballadora social especializada.
A profesional contratada empregou unha metodoloxía de atención centrada na persoa, realizando diagnósticos sociais individualizados e acompañando ás persoas con Esclerose Múltiple de Ourense no acceso a recursos especializados. Este labor destacou pola súa relevancia na mellora da calidade de vida das persoas beneficiarias e as súas familias, garantindo os seus dereitos e fortalecendo a súa inclusión social.