O programa de lecer inclusivo de COGAMI organizou actividades nas que participaron máis de 550 persoas

O programa de lecer inclusivo de COGAMI organizou actividades nas que participaron máis de 550 persoas

O programa de Lecer, cultura e deportes inclusivos que desenvolve COGAMI contou durante todo este ano con máis de 550 persoas con discapacidade participantes. Este programa que desenvolve a área de Lecer, promove a colaboración entre entidades culturais e deportivas para ofertar ás nosas entidades membro actividades lúdicas variadas e adaptadas a todas as persoas.

Financiado a través da convocatoria de programas de interese xeral para fins de carácter social da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF procedentes das persoas que marcaron o cadro de actividades de interese social, nesta edición foi posible practicar actividades deportivas coa colaboración da Fundación Decathlon, asistir a bautismos de mar a través do Real Club Náutico de Sanxenxo e tamén co programa GAVEA de Galicia Vela Adaptada.

Con respecto a actividades culturais, a través do programa EnRedArte foi posible realizar obradoiros culturais e artísticos en entidades de ámbito rural, onde a oferta de lecer é menor. Estes talleres foron complementados con visitas a museos, participación nos programas de vacacións, obras de teatro e concertos que permitiron que as persoas con discapacidade que viven en zona rural, puideran asistir a este tipo de eventos.