O proxecto de educación inclusiva de COGAMI e COCEMFE finaliza coa participación de 141 centros educativos en 2023

O proxecto de educación inclusiva de COGAMI e COCEMFE finaliza coa participación de 141 centros educativos en 2023

Co fin de promover a escola inclusiva e a igualdade real de oportunidades do alumnado con discapacidade, COGAMI xunto a COCEMFE, puxeron en marcha en 2023 o proxecto de Promoción da educación inclusiva e de soporte á atención do alumnado con necesidades educativas por motivo da súa discapacidade. Con este proxecto, ademais, pretendeuse impulsar o deseño universal para a aprendizaxe, con especial incidencia nos recursos de apoio necesarios, para conseguir o desenvolvemento pleno das capacidades e intereses da persoa de acordo ás súas posibilidades.  

Para desenvolver o proxecto, contactouse con 141 centros educativos, sendo 70 da provincia de A Coruña, 45 da de Lugo e 26 da de Pontevedra, ademais de con 28 entidades. En todas elas realizáronse diferentes actividades como as 95 accións formativas dirixidas ao profesorado e ámbito socioeducativo relacionadas con educación inclusiva e guía de boas prácticas, atención temperá e a súa importancia e recursos sobre discapacidade, entre outros.

Tamén se realizaron obradoiros de sensibilización dirixidos a alumnado e a profesorado, aos que asistiron 146 docentes e 2.511 alumnas e alumnos. Outras actividades desenvolvidas foron sobre asesoramento a familias e profesorado sobre a discapacidade e sobre préstamos de produtos de apoio, sendo 64 os produtos prestados dos que se beneficiaron 136 persoas.  

Outra actividade realizada neste proxecto de Promoción da educación inclusiva e de soporte á atención do alumnado con necesidades educativas por motivo da súa discapacidade foi a de asesorar, informar e previr o acoso escolar.