O proxecto eDUinclusivA de COGAMI chegou a 138 centros educativos galegos en 2025


COGAMI, en colaboración con COCEMFE, desenvolveu ao longo do ano 2025 o proxecto eDUinclusivA. Capacitación da Comunidade Educativa para a Promoción da Educación Inclusiva, unha iniciativa dirixida a promover unha educación inclusiva, equitativa e de calidade para o alumnado con discapacidade en Galicia. O proxecto permitiu contactar con 138 centros educativos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, así como con 29 entidades do ámbito socioeducativo.

O programa ten como obxectivo principal reforzar as competencias do profesorado e da comunidade educativa para abordar a diversidade nas aulas, impulsar o Deseño Universal para a Aprendizaxe e garantir a igualdade real de oportunidades do alumnado con necesidades educativas derivadas dunha discapacidade. Para iso, desenvolvéronse accións formativas, actividades de sensibilización, asesoramento especializado e préstamo de produtos de apoio.

Realizáronse un total de 23 accións formativas dirixidas a profesionais do ámbito educativo, nas que participaron 558 docentes de toda Galicia. As formacións abordaron contidos como metodoloxías inclusivas, prevención do acoso escolar, comunicación aumentativa, música inclusiva, patios e hortos escolares inclusivos ou linguaxe e trato axeitado cara ás persoas con discapacidade, tanto en modalidade presencial como en liña.

O proxecto inclúe tamén charlas de sensibilización adaptadas ás distintas etapas educativas, desde Educación Infantil ata Bacharelato, co obxectivo de fomentar valores de respecto, empatía e inclusión entre o alumnado, así como de previr situacións de discriminación e acoso escolar. Estas accións contribúen á creación de contornas escolares máis conscientes, solidarias e respectuosas coa diversidade.

No eido familiar, eDUinclusivA desenvolveu accións formativas e de asesoramento en materia de educación inclusiva, recursos educativos, trámites administrativos e produtos de apoio. Ao longo do ano participaron 103 persoas, entre familias e profesionais, e atendéronse máis de 70 consultas relacionadas con adaptacións curriculares, recursos educativos, bolsas, ocio inclusivo e apoio tecnolóxico.

Outro dos servizos destacados foi o Banco de Produtos de Apoio e TIC, a través do cal se prestaron 52 dispositivos que beneficiaron a 136 persoas, facilitando a comunicación, a aprendizaxe e a autonomía do alumnado con discapacidade.

Ademais, a través deste proxecto participouse en congresos, xornadas e foros especializados en educación inclusiva, reforzando o traballo en rede con universidades, administracións públicas e entidades sociais, e visibilizando a importancia dunha escola aberta á diversidade e comprometida cos dereitos das persoas con discapacidade.

O proxecto eDUinclusivA está financiado a través das subvencións do 0,7% do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e do Plan de Prioridades da Fundación ONCE, e consolídase como unha ferramenta clave para avanzar cara a unha educación galega máis inclusiva, accesible e xusta.

Galería de imaxes

Todas