O equipo profesional do servizo de atención temperá da Mancomunidade do Baixo Miño, que é xestionado por COGAMI, mantivo unha xuntanza con representantes municipais dos catro concellos de ámbito de actuación para dar conta dos resultados anuais a favor das familias que teñen menores de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou con risco de padecelos.
Na xuntanza, realizada no salón de plenos do Concello de Tomiño, estiveron presentes a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a alcaldesa de O Rosal, Anxela Fernández, acompañadas dos concelleiros de Benestar Social, Rubén García e Beatriz Rodríguez, ademais do concelleiro de Servicios Sociais de Tui, Ismael Diz, o presidente da asociación Vontade, Miguel Pazo, e membro da xunta directiva de COGAMI, Celso Álvarez, e o coordinador dos centros de atención temperá que xestiona COGAMI, Álvaro García.
As dúas psicólogas, dúas logopedas e a fisioterapeuta que forman o equipo especializado en atención temperá describiron como dan resposta ás necesidades transitorias ou permanentes que teñen as e os menores que atenden no servizo para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a súa inclusión social o máis normalizada posible.
Dende que iniciou no ano 2020 o servizo de atención temperá no Baixo Miño, foron atendidas un total de 278 familias. Na actualidade, son 139 familias as que están no proceso de atención, 92 familias en intervención, 45 están en lista de agarda esperando ser atendidas e 2 están en valoración. Por lugar de procedencia, o 44% chegaron dende o Concello de Tomiño, o 35% do Concello de Tui o 11,5 % do Concello de A Guarda e o 9,5% do Concello de O Rosal.
Na reunión púxose en valor a xestión deste tipo de servizos por entidades sociais como COGAMI, tal e como contempla o decreto 183/2013 que Regula a creación da Rede Galega de Atención Temperá. COGAMI, ademais da xestión do equipo e a aportación do material e os test que son precisos, dispón de servizos gratuítos para as familias que complementan e dan apoio a estas profesionais como os de promoción da autonomía persoal, asesoramento en prestacións e axudas para as familias, asesoramento xurídico especializado en problemáticas relacionadas coa discapacidade, as accións de sensibilización nas escolas infantís para facilitar a inclusión co resto de infantes, o asesoramento na mellora da accesibilidade cando resulta necesaria, ademais do apoio importante a través da asociación membro Vontade, que colabora aportando temporalmente locais e unha profesional de terapia ocupacional que complementa o equipo.