A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) iniciou este ano unha nova edición do seu programa de rehabilitación fisioterapéutica en esclerose múltiple dirixidas a manter e mellorar o estado funcional das persoas afectadas por esta patoloxía.
Estas sesións, que son individuais e tamén grupais, son posibles ao financiamento que lle aporta a X Solidaria procedente das persoas que marcaron o recadro 106 de fins sociais ao facer a declaración da renda, co que destinan o 0,7% dos seus impostos a causas sociais e que logo xestiona a Xunta.
O servizo de rehabilitación terapéutica ofrecerá atención a 40 persoas dende o mes de xuño e ata finais de ano, con sesións semanais, tratando de atrasar o avance da discapacidade que pode xerar a coñecida como ‘enfermidade das mil caras’ e maximizar a autonomía das persoas que teñen esclerose múltiple. AVEMPO contará cunha profesional contratada a que traballará xunto ao resto de profesionais do servizo de fisioterapia que ten a entidade.
Ademais, a través do proxecto de adquisición de material para programas de rehabilitación AVEMPO poderá incorporar unha padiola eléctrica e un dinamómetro a estas sesións de fisioterapia, ademais de renovar parte do equipamento informático, coa adquisición de tabletas e ordenadores.