O servizo de rehabilitación de AMICO beneficiou a 29 persoas persoas de Compostela e comarca

A Asociación AMICO desenvolveu ao longo de 2025 o programa Servizo de Rehabilitación XV, unha das iniciativas máis consolidadas da entidade, que permitiu a 29 persoas con discapacidade (12 homes e 17 mulleres, das cales 6 eran menores de idade) acceder a tratamentos especializados de rehabilitación a un prezo máis reducido.

Este programa, que cumpre 15 anos de traxectoria, durante 2025 facilitou o acceso a sesións individuais de fisioterapia, terapia ocupacional e logopedia, así como a unha actividade grupal de pilates de máquinas dirixida a persoas usuarias de cadeira de rodas, que contou con horas de asistencia e apoio para garantir a participación en igualdade de condicións. Para a súa execución, AMICO contratou servizos con centros especializados, permitindo ás persoas participantes beneficiarse de prezos máis económicos e dunha atención axeitada ás súas necesidades.

O Servizo de Rehabilitación XV contou co apoio económico da Deputación da Coruña, a través da convocatoria FOAXE-P/ED-3 de tratamentos de rehabilitación, cunha subvención concedida de 8.771,93 euros. Ademais, o programa ampliou a súa extensión territorial reforzando o seu carácter comarcal, coa contratación de servizos individuais no Centro Néunet de Santiago e na Clínica Soma de Milladoiro, así como a actividade grupal no centro Galicia Pilates, contando co apoio asistencial da empresa Meular Servizos Asistenciais S.L. A nivel de investimento, o programa completouse coa concesión dunha subvención de 1.584,88 euros no marco da convocatoria FOIE/2025-ED-9, destinada á adquisición de aplicación informática e equipamento para mellorar os procesos de información nos programas de servizos sociais da entidade, cubrindo o 80 % do custe total.

No período comprendido entre xaneiro e xuño realizáronse 403 sesións individuais, sendo a fisioterapia o tratamento máis demandado, con 301 sesións, seguida da terapia ocupacional, con 102 sesións, e das intervencións de logopedia. En canto á actividade grupal de pilates de máquinas, contou cunha participación habitual de 6 persoas usuarias de cadeira de rodas entre xaneiro e xuño, incorporándose unha persoa máis na última sesión do ano.

Galería de imaxes

Todas