O veleiro Laion de COGAMI navega pola ría de Camariñas levando a bordo persoas con discapacidade

O veleiro Laion de COGAMI navega pola ría de Camariñas levando a bordo persoas con discapacidade

  Descarga en word

Un ano máis, e xa van vinte e dous, o veleiro Laion de COGAM sae navegar pola ría de Camariñas para brindar a experiencia da navegación a vela a moitas persoas que, sen esta oportunidade do Proxecto Gavea (Galicia Vela Adaptada), seríalles imposible experimentala.

O proxecto naceu en 2002 tras ser incautado o veleiro ao narcotráfico para ser cedido en garda e custodia á asociación Adisbismur. Dende entón, esta embarcación, fomenta a participación das persoas con discapacidade en actividades náutico deportivas  ao estar dotada de adaptacións que permiten embarcar a persoas con mobilidade reducida. Para poder levar a cabo esta edición, o proxecto conta co apoio financeiro da Deputación de A Coruña.

Quendas do Laion

Con base no porto de Muxía, o Laion, sempre que o tempo o permita, ten programadas saídas dende o martes, 10 de setembro, ata o venres 20 de setembro, con quendas que se distribuirán en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas. En cada unha destas travesías participarán, acompañadas dun monitor ou monitora, 5 persoas usuarias e socias de distintas entidades membro ou centros de COGAMI. En total, durante esta edición navegarán 60 persoas que se achegarán ata Camariñas dende diferentes localidades de Galicia como Santiago, Ourense, comarca de Muros, Val do Dubra, Arzúa e Melide, Costa da Morte e Bergantiños, O Deza e a comarca de Valdeorras.

O primeiro grupo en participar foi de menores usuarios do Programa Integral de Actuacións para a Promoción da Autonomía Persoal e a Inclusión Social das Persoas con Discapacidade que COGAMI desenvolve nas instalacións do CEGADI en Compostela. Outro grupo que participou chegou dende Ourense, persoas usuarias da asociación Aixiña.

O 11 de setembro, durante a mañá navegará e a tarde sairán navegar persoas usuarias da Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR). O día 12 de setembro na quenda da mañá será a Asociación AVANTE de Val do Dubra. O venres, 13 de setembro, na quenda da mañá navegará un grupo de persoas usuarias da Asociación de Persoas con Discapacidade e Apoio a Integración das Comarcas de Arzúa e Terra de Melide (Amarai) e durante a tarde tomará o relevo a Asociación de Persoas con Discapacidade da comarca de Valdeorras (Disvalia).

Durante a semana seguinte, tralo descanso de fin de semana, o Laion volverá navegar pola ría de Camariñas, lugar onde ten a súa base, o martes, 17 de setembro cun grupo da Asociación das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte (ÍNTEGRO) e pola tarde serán persoas usuarias do proxecto que COGAMI realiza nas instalacións do CEGADI en Santiago. O mércores, en horario de mañá, estará un grupo de persoas usuarias do centro de atención diúrna que COGAMI ten en Medelo, no concello de Silleda. O xoves, 19 de setembro, ás 11 horas, sairá navegar a asociación Alcer Coruña  e o venres, 20 de setembro, a tempada do Laion finalizará cun grupo do CEGADI que subirá ao veleiro ás 11 horas.

Características do veleiro Laion

O Laion, de 13 metros de eslora, conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador electrónico que facilita o seu goberno.

Cunha tripulación formada por persoas voluntarias, Noemí Bermúdez e Marcos Trillos, os dous patróns da embarcación que son membros da asociación Cataventos, aos que se lles unirán outras catros persoas voluntarias que se irán alternando nas travesías. Dende COGAMI agradecemos esta colaboración desinteresada porque permite  desenvolver este programa Galicia Vela Adaptada, un proxecto tanto achega a navegación ás persoas con discapacidade como tamén contribúe na sensibilización, concienciación e inclusión social.

Galería de imaxes