A Asociación Parkinson Galicia Coruña vén de poñer en marcha Dixipark, un proxecto que forma parte da súa estratexia de dixitalización e que permitiu renovar equipos informáticos, así como incorporar portátiles en condicións axeitadas para o uso terapéutico.
Esta actualización tecnolóxica tivo un impacto directo na calidade asistencial da entidade, especialmente nos servizos de logopedia e neuropsicoloxía, onde agora se utilizan aplicacións online para traballar aspectos como a fala, a comprensión, a estimulación cognitiva ou a memoria das persoas usuarias.
Dende Parkinson Coruña destacan como beneficios detectados polos equipos profesionais datos obxectivos e en tempo real, que permiten adaptar os Plans de Intervención de xeito máis áxil, a existencia dunha maior personalización das terapias, baseadas no rendemento e avaliación de cada persoa e o incremento da adherencia ás sesións por parte das persoas usuarias.
Actualmente, o servizo de logopedia conta con 3 profesionais que atenden a unha media de 170 persoas por semana, mentres que o de neuropsicoloxía está atendido por un profesional cunha media de 50 persoas semanais.
Dixipark permitiu mellorar a xestión interna, optimizar recursos e avanzar cara a un modelo de atención individualizado e centrado nas persoas.
Este proxecto é posible cos fondos do 0,7% do IRPF das persoas que marcaron o recadro de Actividades de interese social, a X Solidaria, e que xestiona a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.