Os máis de 250 quilómetros que separan as localidades de O Barco de Valdeorras e Camariñas non foron un obstáculo para que un grupo de persoas usuarias de Disvalia (Asociación de Persoas con Discapacidade da comarca de Valdeorras) se desprazaran ata a Costa da Morte. Unha viaxe de máis de tres horas que tiña un obxectivo moi especial: vivir a experiencia de navegar a bordo do veleiro Laion, grazas ao proxecto "Galicia Vela Adaptada", que achega a persoas con mobilidade reducida á navegación a vela.
Este proxecto viu a luz en 2002, cando o veleiro foi incautado ao narcotráfico e cedido en garda e custodia á asociación Adisbismur, tamén integrada en COGAMI, á que pertence Disvalia. Dende entón, o Laion ten facilitado que persoas con discapacidade poidan gozar das actividades náuticas, ao estar adaptado para embarcar a persoas con mobilidade reducida. Nesta edición, o proxecto conta co respaldo económico da Deputación da Coruña, reforzando así a súa continuidade e o compromiso coa inclusión no deporte.