A Asociación de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica de O Carballiño e Comarca (ASDIFICA) desenvolveu durante tres meses un obradoiro de artes plásticas dirixido a persoas con discapacidade.
Un grupo formado por oito persoas socias da entidade aprenderon a traballar diferentes técnicas de estampado, entre elas o estampado en tela co uso de flores naturais. Este obradoiro contou con 20 horas de duración e realizouse nos meses de abril e maio, para rematar esta semana do mes de xuño.
O taller está integrado dentro do programa EnRedArte que financia a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, co fin de achegar a actividade cultural trala organización de diferentes obradoiros artísticos en disciplinas que comprenden, ademais deste de artes plásticas, a talla de cristal e artes escénicas a través do teatro e do audiovisual.
EnRedArte é un programa que iniciou por vez primeira COGAMI no ano 2015 para fomentar a participación e as relacións sociais das persoas con discapacidade, ademais de incrementar a oferta de actividades de lecer na contorna. A boa acollida que ten por parte das entidades membro propiciou o seu reiterado desenvolvemento, participando durante este ano 72 persoas nos 9 obradoiros desenvolvidos, ademais de ASDIFICA, nas entidades ASEARPO, A XANELA, ACEM Compostela, ALGARIA, ÍNTEGRO, ADAPTA e os centros de COGAMI en Ferrol e Monteporreiro.