As persoas usuarias do centro de día que COGAMI ten en Fingoi (Lugo) desprazáronse ata A Coruña para relizar un recital de poesía no espazo cultural Galgo Azul. Nesta actividade cultural participaron 14 persoas usuarias do centro, algunhas delas con dificultades de lectoescritura e incluso analfabetismo total.
Durante o recital, as persoas participantes recitaron en grupo catro poesías acompañadas dun traballo audiovisual elaborado por elas mesmas. Esta actividade, ten como obxectivo principal gozar da lectura, e tamén fomentar a creatividade, o coñecemento literario e histórico, a escoita activa, o traballo en equipo e a inclusión de todas as persoas, independentemente do seu nivel de lectura.
Esta non é a primeira vez que dende o centro de COGAMI en Lugo se organizan actos culturais. No ano 2019 empezaron a asistir semanalmente á biblioteca pública na compaña de persoas voluntarias e alumnado en prácticas para ler xornais, cómics, libros ou ver material audiovisual.
A raíz deste contacto, comezouse a colaborar activamente coa biblioteca na que as persoas usuarias do centro puideron expoñer obras realizadas por elas mesmas en diferentes proxectos culturais desenvolvidos no centro.