O Centro Residencial e de Dia de Arteixo, xestionado pola UTE COGAMI- Siad 24- Combina Social, participa na celebración de Os Maios no comedor de Zara Logística (Inditex).
Con esta iniciativa, na que participan asociacións da comunidade, mantense viva esta tradición da cultura popular galega que forma parte do denominado ciclo de maio, época na que se enxalza a natureza ao comezo da primavera. Os Maios son estruturas tradicionalmente inspiradas en figuras de árbores e que a día de hoxe adoptan formas variadas, ao redor dos cales se realizan representacións, bailes e cantos.
En menos dun mes todas as persoas usuarias do centro, de idades comprendidas entre os 80 e os 100 anos, puxéronse mans á obra en colaboración coas e cos profesionais do mesmo para crear, con agarimo e esforzo, esta obra chamada “Arteixo é mar, coidemos do noso”. Unha reivindicación da importancia de reutilizar e coidar do noso planeta. Este traxe foi ideado partindo da reciclaxe de diferentes materiais que se utilizan no día a día do centro, co fin de poñer o foco e sensibilizar da importancia de coidar as praias da contorna e preservar a nosa identidade, así como trasladar a mensaxe de que “con aquelo que desbotamos, podemos crear algo fermoso”.