Persoas usuarias e profesionais do programa de promoción da autonomía persoal que desenvolve COGAMI fan o Camiño

Podes descargar a nota 

Un total de 14 persoas, 7 terapeutas e 7 persoas usuarias, que forman parte do Programa de Promoción de Autonomía Persoal que COGAMI desenvolve nas instalacións do CEGADI, en Santiago de Compostela, chegan á Praza do Obradoiro este venres, 24 de maio, sobre as 15 horas tras realizar a etapa do Camiño Francés dende O Pedrouzo, no Concello do Pino.

A distancia foi percorrida en catro etapas, cunha media de seis quilómetros diarios saíndo a primeira delas dende O Pedrouzo o martes, 21 de maio. Todas as etapas contaron co apoio dun vehículo adaptado que os foi acompañando, por se algunha das persoas precisara do seu servizo.

Nesta actividade participan Ramón do Concello de Rois, Manuel de A Estrada, Diego de Vedra, Pilar de Santiago, Luis de Rianxo, Pablo de Ames e José María de Valga. Todo este grupo está composto por persoas con mobilidade reducida, a maioría delas adquirida recentemente tras ter unha lesión medular. Esta experiencia foi realizada anteriormente no ano 2022, sendo Diego unha das persoas que o realizou e que animou ao resto de participantes para que viviran esta experiencia.

O Programa de Promoción de Autonomía Persoal que COGAMI desenvolve nas instalacións do CEGADI é un estudo de investigación de novas metodoloxías, técnicas e intervencións encamiñadas á mellora da autonomía das persoas. Cando entran a formar parte deste programa, con estadía de un ano, a persoa recibe atención de fisioterapia, terapia ocupacional, atención psicolóxica, logopedia, traballo social, intermediación laboral e asesoramento en accesibilidade.

Para formar parte deste programa, que financia a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade, a persoa ten que estar en situación de dependencia severa, precisar da axuda dunha terceira persoa e adaptacións tecnolóxicas. Precisamente, esta actividade da realización do Camiño deseñouse como unha continuación do traballo que dende o centro desenvolven coa persoa e a súa contorna e que se combinou cunha actividade lúdica.

Galería de imaxes

Todas