O antigo colexio Cruceiro de Roo, no concello de Outes, contará cun novo uso social coa posta en marcha dunha residencia para persoas con discapacidade impulsada pola asociación Adisbismur. O proxecto foi aprobado no Consello da Xunta celebrado o pasado 19 de xaneiro de 2026, tras dar luz verde a un convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a entidade.
A través deste acordo, a Administración autonómica destinará algo máis de 2,3 millóns de euros para a construción do novo recurso residencial, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.
A iniciativa é froito de anos de traballo e negociacións por parte de Adisbismur e conta tamén co respaldo do Concello de Outes, que aprobou por unanimidade en 2022 a cesión do inmoble á entidade para o desenvolvemento deste proxecto.
"Esta residencia supón un servizo máis dirixido ás persoas con discapacidade da nosa contorna que lles permite que non teñan desarraigo das súas familias, amizades nin localidade. Esta nova residencia é de proximidade, asenta servizos na zona rural que benefician ás persoas con discapacidade e tamén supón a creación de emprego para un cadro de persoal que estimamos sexa de quince persoas", apunta o presidente de ADISBISMUR, Ramón Sestayo.
O edificio terá capacidade para 24 prazas residenciais e permitirá ampliar os servizos de atención á discapacidade no ámbito rural, favorecendo a creación de recursos de proximidade que posibiliten que as persoas das comarcas de Muros e Outes poidan permanecer na súa contorna habitual.
Para Adisbismur, a posta en marcha desta residencia supón un novo avance cara á autonomía persoal e á inclusión social das persoas con discapacidade, reforzando a súa participación activa na comunidade e mellorando a súa calidade de vida.