Profesionais do Programa integral para a promoción da autonomía persoal que desenvolve COGAMI nas instalacións do CEGADI, en Santiago, xunto a profesionais dos centros de recursos de Mos, Lugo e das asociacións membro AIXIÑA e ADISBISMUR, participaron nunha xornada de formación interna sobre terapia acuática.
Un total de 15 persoas, 12 alumnas e alumnos e 3 formadoras, déronse cita na piscina cuberta que ten o CEGADI para formarse sobre os principais beneficios que ten a intervención acuática nas persoas con discapacidade e presenciar casos prácticos de persoas con mobilidade reducida dentro da auga.
Esta formación impartiuse o ano pasado desde un punto de vista dende a terapia acuática de fisioterapia e terapia ocupacional. Durante esta edición, co fin de darlle un enfoque máis integral centrada na persoa, tívose en conta a intervención das áreas de logopedia e neuropsicoloxía.
COGAMI imparte formacións como esta ao seu cadro de persoal co fin de actualizar os coñecementos e habilidades das persoas que traballan na Organización, contribuíndo ao seu crecemento profesional, ao fomento do traballo en equipo e, en definitiva, proporcionando unha mellora nos servizos que presta dirixidos a lograr a autonomía das persoas con discapacidade.