Por segundo ano consecutivo, a área de Recursos Humanos de COGAMI puxo en marcha a Xornada Experiencial Compartida, un programa que permite compartir coñecementos entre profesionais de diferentes centros de traballo e servizos da nosa Organización.
Das tres xornadas que se van desenvolver durante este ano, a primeira foi dirixida a profesionais da psicoloxía, na que participaron nove psicólogas e psicólogos que viñeron dos centros de día de maiores de Valadares, O Porriño, Rois e Coia, dos servizos de atención diúrna de Medelo, Fingoi e Mos e tamén do centro residencial de Arteixo.
Estes profesionais tiveron a oportunidade de compartir e intercambiar os seus coñecementos sobre temáticas que tratan a diario nos seus centros de traballo como avaliacións psicolóxicas, prevención e intervención, apoio psicoemocional, acompañamento a persoas usuarias e familias, comunicación do equipo de psicoloxía, a metodoloxía de atención centrada na persoa e sobre a experiencia na súa aplicación no desenvolvemento do traballo coas persoas, entre outras.
Dende a área de Recursos Humanos destacan a boa acollida destas Xornadas de Experiencias entre as persoas participantes, tanto nas sesións realizadas na edición anterior como nas de este ano. Quedan outras dúas xornadas por desenvolver, unha delas prevista en outubro e dirixida a equipos de orientación laboral e outra sobre actividades no servizo de atención diúrna.