Un total de 15 persoas con discapacidade, 11 mulleres e 4 homes, iniciaron nas instalacións que ten COGAMI en Vigo (rúa Teixugueiras, nº15, baixo, Navia, Vigo) un curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais.
Para formar parte desta formación denominada AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas), cofinanciada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, era necesario ter recoñecida unha discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual ademais de estar en situación de desemprego. Tras ser superados todos os módulos, o alumnado recibe un certificado de profesionalidade nivel 1
As persoas seleccionadas nesta formación proceden dos concellos de Vigo, Val Miñor e Baixo Miño ademais de Redondela. Terán que superar un curso de 448 horas, das que 40 horas serán de prácticas en empresas, que se imparten en horario de mañá de luns a venres de 9 a 14 horas, co que rematará no mes de abril.
A maioría das persoas que fan o curso teñen entre 35 e 61 anos, sendo a media de idade de 46 anos. Teñen formación en graduado escolar e ESO, 3 son técnicos superiores e 1 ten unha licenciatura universitaria. Contan con experiencia laboral previa en sectores como a hostalería, comercio, mantemento, limpeza, construción, marisqueo e automoción e precisan reorientar o seu perfil para outro tipo de ocupacións laborais, ou ben precisan traballar as competencias dixitais para mellorar a súa empregabilidade.
Quen supere o curso, obterá un certificado de profesionalidade pero antes terá que formarse nas materias que se van impartir de técnicas administrativas e básicas de oficina, operacións básicas de comunicación, reprodución e arquivo, prácticas profesionais non laborais, inserción laboral, sensibilización medioambiental e na igualdade de xénero.
COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI.