Remata en Ourense o curso de Xestión integral de estacións de servizo con oito participantes

A formación, enmarcada no Programa Máis Emprego financiado pola Fundación “la Caixa” e o FSE Plus, combinou 50 horas teóricas e 25 prácticas en gasolineiras da cidade, permitindo ás persoas participantes adquirir experiencia real e reforzar a súa empregabilidade.

O curso de Xestión Integral de Estacións de Servizo organizado en Ourense dentro do Programa Máis Emprego, financiado pola Fundación “la Caixa” e o FSE Plus, vén de rematar coa participación de dez persoas inscritas e oito que finalizaron a parte teórica (catro homes e catro mulleres). Proceden dos concellos de Vilar de Santos, Ourense, Taboadela, Maceda, San Cibrao das Viñas, Muíños e Pantón (Lugo).

A formación desenvolveuse cunha carga lectiva de 50 horas teóricas e 25 prácticas, realizadas en estacións de servizo da cidade de Ourense. Alí, as persoas participantes puideron aplicar os coñecementos adquiridos nas aulas e vivir unha experiencia directa no posto de traballo para o que se formaron.

Seis alumnas e alumnos que fixeron as prácticas, quixeron compartir con nós a súa experiencia durante a o desenvolvemento do curso e que expectativas teñen de cara ao futuro laboral.

       

Eloy Blanco Sal, de 24 anos e o máis novo do grupo. Este foi o seu primeiro curso realizado en COGAMI: “Está ben o contacto co público, aínda que seguirei buscando tamén noutras áreas porque o que quero é empezar a traballar”, indicounos.      

           
       

Inés Serrano Ávila expresou a súa motivación e aprendizaxe durante as prácticas: “Recibín moi bo trato e ata aprendín cousas que o curso non contemplaba, como a carga dun coche eléctrico. Encantaríame seguir outra semana máis nas prácticas, sempre hai cousas novas que aprender”.

Agora está a presentar currículos e afirma: “Síntome moi capacitada, non me asustan nin as quendas, nin o frío, nin mancharme”.

           
       

Juan Manuel Carnero Demanuel valorou positivamente o proceso: “Aprendemos de todo e as prácticas moi ben, explicáronme todo o funcionamento da estación”.

Tras 25 anos na mesma empresa e unha incapacidade laboral que o obrigou a reciclarse, inicia agora unha nova etapa profesional: “O 1 de outubro empezo un traballo como comercial”.

           
       

Mª Luz Fernández Chavond viviu unha auténtica transformación persoal durante a realización deste  curso, segundo nos trasladou. “Non o quería facer, mentalmente tiña pánico a enfrontarme a un curso, pero animáronme dende a área de Emprego. Agora estou tan contenta que teño o título enmarcado, para min supón un renacer”.

           
       

Ángel Gallego Luís destacou a calidade docente e o ambiente laboral: “a profesora foi impecable. Nas prácticas coincidín con catro empregados, todos moi bos compañeiros e cun trato excelente cos clientes”.

Con experiencia en hostalaría e atención ao cliente, asegura: “seguirei formándome ata dar cun traballo estable”.

           
       

Puri Otero Cocina tamén valorou moi positivamente o seu paso por este curso, concretamente polas prácticas: “as prácticas foron perfectas, aprendín dende a atención ao cliente ata a simulación do peche de caixa. Gustaríame empezar xa a traballar nunha estación de servizo para non perder o aprendido”. 

Agora está a presentar currículos e afirma: “síntome moi capacitada, non me asustan nin as quendas, nin o frío, nin mancharme”.

.Este curso supuxo non só un reforzo de competencias profesionais, senón tamén un apoio emocional e motivacional para persoas que buscan unha nova oportunidade laboral.

Galería de imaxes

Todas