Remata o curso de administrativo impartido por COGAMI en Ourense

Un total de seis persoas vén de rematar en Ourense o curso AFD de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais, unha acción formativa orientada a mellorar a empregabilidade no ámbito administrativo de persoas con discapacidade ou incapacidade laboral. A formación, que iniciou o pasado 29 de outubro de 2025, contou cun total de 508 horas, das cales 400 foron de carácter teórico e 108 corresponderon a prácticas en empresas.

No inicio do curso participaron once persoas (3 homes e 8 mulleres), das que finalmente seis (2 homes e 4 mulleres) completaron a formación. Cómpre salientar que dúas das baixas rexistradas durante o proceso estiveron motivadas pola inserción laboral do alumnado.

Durante o curso, o alumnado adquiriu coñecementos en atención ao público e á clientela, xestión administrativa básica e ferramentas de ofimática, competencias clave para o acceso ao mercado laboral en contornas administrativas.

As prácticas profesionais realizáronse en diversas empresas e entidades ourensás, ás que se lles quere trasladar un especial agradecemento pola súa colaboración. Entre elas atópanse Grupo Cuevas S.A., Federación Discafis COGAMI, Secretariado Gitano de Ourense, o Parque Tecnolóxico de Galicia, o Concello de Barbadás (Biblioteca) e a Clínica Dental Otero Fernández.

Esta acción formativa enmárcase no Plan formativo para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e está cofinanciada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

Galería de imaxes

Todas