Repetimos participación no programa `Náutica ao alcance de todos´ que organiza o Club Náutico de Portonovo


Por segundo ano consecutivo, o Club Náutico de Portonovo retoma as actividades do proxecto A Náutica ao Alcance de Todos, co fin de que as persoas con discapacidade teñan acceso á práctica da navegación a vela. Para levar a cabo este programa, conta coa colaboración de entidades membro e centros de atención diúrna de COGAMI, permitindo a práctica de actividades mariñas ás persoas que estean interesadas en participar.

Nesta edición, que iniciou o pasado 7 de xullo e remata o 27 de agosto, conta coa asistencia de 4 persoas da asociación Avante de Val do Dubra; 8 persoas do centro de atención diúrna que COGAMI ten en Medelo, Silleda; 7 persoas da entidade ADISBISMUR  de Muros e comarca; 8 persoas da entidade compostelá AMICO e remata coa asistencia de 7 persoas da asociación Íntegro de Costa da Morte. Son un total de 34 persoas as que van participar neste programa de navegación a vela lixeira durante dúas horas, que permitirán o contacto directo co medio mariño.

Colabración iniciada en 2025

A Náutica ao Alcance de Todos que desenvolve o Club Náutico de Portonovo iniciou en 2025 encadrado no proxectos Galp Ría de Pontevedra e que o Club decidiu continuar “pola súa importancia vital”, segundo explican os seus responsables. Ten como finalidade permitir que as persoas con discapacidade poidan gozar, achegarse e coñecer a náutica. Pretende romper barreiras e que a náutica teña acceso universal, potenciándoa entre colectivos que carecen de oportunidades de acceso ás mesmas.

O proxecto conta con saídas e bautismos de mar en embarcacións de vela lixeira, para que as persoas participantes poidan ter un primeiro contacto co mar e o mundo da navegación a vela. Cada saída contempla dúas partes: o coñecemento do medio mariño con saídas programadas e unha formación inicial en vela con coñecementos básicos de navegación, seguridade e material sobre boas prácticas de coidado do medio ambiente.  

Galería de imaxes

Todas