Taller para mellorar a empregabilidade en COGAMI Ourense

O servizo de emprego de COGAMI en Ourense desenvolveu unha acción de mellora da empregabilidade (AME) orientada ao posto de limpeza na empresa Grupo SIFU, iniciativa para favorecer a inserción laboral.

Esta formación tivo como obxectivo principal dotar ás persoas asistentes das competencias necesarias para adaptar os seus perfís profesionais ás demandas da empresa, mellorando tanto a presentación do currículo como o seu desempeño nas entrevistas de selección.

Durante a primeira sesión, de catro horas de duración, abordáronse aspectos relacionados co autocoñecemento das competencias para o emprego, as habilidades persoais e técnicas requiridas para o posto de limpeza, o coñecemento da actividade e valores de Grupo SIFU, así como a adaptación do currículo ás características da oferta laboral e a preparación de microentrevistas.

A segunda sesión centrouse na realización de simulacións de entrevistas e contou coa participación directa de profesionais de recursos humanos de Grupo SIFU, que ofreceron información sobre a empresa e realizaron entrevistas breves ás persoas participantes, achegándoas a un proceso real de selección de persoal.

No taller participaron un total de dez persoas, das que cinco forman parte do programa Más Emprego que financia Fundación “la Caixa” e outras cinco están inscritas na bolsa de emprego de COGAMI.

Esta iniciativa reforza a colaboración entre COGAMI e o tecido empresarial, favorecendo espazos de encontro entre persoas demandantes de emprego e empresas comprometidas coa inclusión laboral, ao tempo que contribúe a mellorar as oportunidades de acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade.

Galería de imaxes

Todas