Baixo o nome `Activando o rural, o empoderamento das mulleres con discapacidade´, COGAMI está a desenvolver un proxecto destinado a mellorar a autonomía e empoderar a trinta mulleres con discapacidade que residen en zonas rurais da provincia de Pontevedra.
O proxecto, enmarcado na área de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI, ofrece ás participantes unha ampla gama de recursos e servizos orientados a mellorar a súa calidade de vida. As mulleres que participan no programa reciben información e asesoramento especializado en temas relacionados coa discapacidade, así como orientación e apoio social. Ademais, o programa inclúe intervencións básicas de traballo social e resolución de consultas especializadas, brindando acceso a recursos e servizos dispoñibles para mulleres con discapacidade nas súas comunidades.
Todas as participantes no programa comparten a necesidade de apoio social para desenvolver o seu plan vital. Na selección das mulleres, priorizouse a aquelas que viven en situación de especial vulnerabilidade, están desempregadas ou con dificultades adicionais de inserción debido a circunstancias persoais ou familiares.
Este programa, financiado pola Deputación de Pontevedra e con duración ata decembro deste ano, representa un paso fundamental cara ao empoderamento das mulleres con discapacidade no rural, dotándoas das ferramentas necesarias para acadar unha maior autonomía e mellorar a súa situación social e laboral.