Na campaña `Eu decido´ lanzada este ano por COGAMI para celebrar o 35 Aniversario, coñecemos a historia de Jose Paz Cabo. Tras serlle diagnosticada unha enfermidade dexenerativa que lle afecta á mobilidade, a súa vida dá un xiro. Deixou a súa profesión como Procurador en Santiago de Compostela, así como a súa axitada rutina de viaxes e agora, con 46 anos, a súa prioridade é o benestar, a mellora da autonomía e ter calidade de vida. “Ti podes encaixar o cambio pero a sociedade crea barreiras tan absurdas como chamarte vinte veces ao día campión”, reflexiona Jose sobre as reaccións que recibe pola nova situación.
En setembro de 2024 incorpórase ao Programa Experimental de Intervención con Enfoque Transdisciplinar para Persoas con Discapacidade, un proxecto que se desenvolve nas instalacións do CEGADI, en Santiago, seguindo unha metodoloxía de atención integral centrada na persoa. A través deste programa, recibe diferentes terapias que lle permiten gañar autonomía para desenvolverse mellor na súa propia contorna. “Foi un cambio radical no proceso da miña enfermidade a nivel social, terapéutico como de axudas externas”, explica.
O Programa Experimental está dirixido a persoas menores de 60 anos con discapacidade recoñecida (física, orgánica ou en situación de dependencia). Un equipo transdisciplinar de especialistas en fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia, psicoloxía, traballo social, e accesibilidade, entre outras, deseña xunto coa persoa, un itinerario adaptado a ela e aos seus obxectivos persoais. “Danche como un paso máis que facer na túa vida”, expresa Jose.
Para Ángela Labandeira, coordinadora do programa, o obxectivo vai máis alá da rehabilitación: "Trátase dun proceso de autonomía baseado nunha atención integral centrada na persoa e na súa contorna natural, poñendo o foco nos seus obxectivos de vida e ofrecendo os apoios necesarios para acadalos".
En 2024, 80 persoas participaron no programa, sumando un total de 5.732 intervencións. As sesións desenvólvense tanto no CEGADI como no domicilio e na contorna natural da persoa, facilitando a aprendizaxe de habilidades para a vida diaria. As terapias inclúen as novas tecnoloxías como ferramentas de apoio á autonomía, como sesións de realidade virtual, uso de plataformas de neurorehabilitación e deseño e manexo de produtos de apoio impresos en 3D. O Programa facilita tamén orientacións en formación, emprego, participación activa na vida comunitaria, segundo o propio proxecto de vida de cada persoa.
Jose tamén participa en sesións grupais mensuais con outras persoas usuarias do programa, espazos onde comparten experiencias, avances e inquedanzas. "É unha pata máis do programa, pero moi forte. A min gústame, axúdame", afirma.
Durante o último ano, rexistráronse 51 solicitudes para participar no Programa Experimental de Intervención con Enfoque Transdisciplinar para Persoas con Discapacidade, do que 40 persoas finalizaron o seu proceso. O programa ten unha duración dun ano, pero pode completarse antes se a persoa acada os seus obxectivos.